Proxecto de 2º ESO: Estantería de Ikea

É importante recordar que o proxecto da primeira avaliación de 2º da ESO é o primeiro que realiza o alumnado, e por iso é preferible que se trate dunha proposta bastante pechada na que se traballa sobre un deseño dado.

Partimos do suposto de que a empresa Ikea desexa ampliar o seu departamento de deseño, e vai realizar a contratación en base a un proceso selectivo. A primeira proba deste proceso será a realización dunha proposta para o frontal dunha estantería.

Cada grupo debe deseñar un frontal que pode conter diferentes elementos como portas ou caixóns, planificar o traballo de construción, e finalmente realizar o prototipo a escala. Para todo iso, o alumnado conta cunha documentación moi completa que incorpora a imaxe dun prototipo realizado en cartón e que contén os nomes das diferentes pezas, un plano, un exercicio para practicar escalas, a folla de proceso para a construción, e a rúbrica que empregarei para avaliar o seu traballo.

Ao final da avaliación, o alumnado terá aprendido a:

  • Estruturar un proxecto nas súas fases: observar, deseñar, construír e avaliar.
  • Interpretar unha representación por vistas.
  • Manexar escalas.
  • Deseñar diferentes elementos dun proxecto.
  • Planificar a construción a través dunha folla de proceso.
  • Consultar unha rúbrica.
  • Traballar en grupo facendo propostas e tomando decisións.
  • Utilizar documentos de drive compartidos.

Proxectos finais

Chegamos á terceira avaliación e agora é o momento de que o alumnado aplique os coñecementos adquiridos no deseño e realización dun proxecto propio.

Cada grupo debe investigar e decidir que quere construír como proxecto de fin de curso, respectando sempre unha serie de requirimentos. Unha vez tomada a decisión, deben presentarme a idea e discutila comigo para obter a aprobación do proxecto. Nalgunhas ocasións a proposta pode non resultar adecuada por diferentes motivos, e nese caso, o grupo debe realizar modificacións ou presentar unha nova proposta.

Cando o proxecto é aprobado, desenvolven a súa idea en planos, solicitan o material necesario, e comezan a construír.

2º da ESO

Deben incorporar un circuíto eléctrico e non sobrepasar as dimensións dunha caixa de proxectos. Algúns dos proxectos en fase de execución son:

  • Sen inversión de xiro: unha avioneta con dúas hélices e luz, unha nora, un muíño con luz, unha lancha propulsada por dous motores, a ruleta da fortuna, un tiovivo,…
  • Con inversión de xiro: unha porta corredeira, unha porta de garaxe enrolable, un ascensor, unha ponte levadiza,…

3º da ESO

Deben incorporar o control de dispositivos cunha placa de arduino e non sobrepasar as dimensións dunha caixa de proxectos. Algúns dos proxectos en fase de execución son:

  • Semáforo para peóns que mostra a conta atrás nun display de 7 segementos para indicar o tempo que resta en verde
  • Dado electrónico que mostra a tirada nun display de 7 segmentos
  • Xogo con dobre botón no que gaña o xogador que pulsa primeiro, e o resultado é mostrado nun display de 7 segementos
  • Refuxio antiaéreo no que se mostran diferentes mensaxes nunha pantalla LCD e ademais incorpora luces e un sinal de alarma
  • Secador de unllas funcional que recicla o ventilador dun ordenador

4º da ESO

Deben incorporar o control de dispositivos cunha placa de arduino e/ou actuadores hidráulicos. Estes proxectos poden exceder as dimensións dunha caixa de proxectos se é necesario. Algúns dos proxectos en fase de execución son:

  • Foguete con movemento hidráulico que mostra a secuencia de despegue a través dunha pantalla LCD
  • Ascensor hidráulico con indicador de piso a través dun display de 7 segmentos
  • Autolavado con porta hidráulica que mostra diferentes mensaxes nunha pantalla LCD
  • Boneco con articulacións hidráulicas

Seguirei informando acerca dos 33 proxectos que xa están en marcha!!!

2º ESO: Proxectos da 2ª avaliación

Cada grupo deseñou e realizou un proxecto propio a partir de dous requisitos:

  • incorporar, como mínimo, un mecanismo de transmisión ou de transformación do movemento
  • axustar o deseño ás medidas das caixas onde gardamos os proxectos

O proxecto da imaxe é un muíño que incorpora un sistema de transmisión formado por dúas poleas conectadas por correa.

O movemento transmítese dende unha roda situada na fachada do muíño até o seu eixe de xiro. O teito pode retirarse para que o mecanismo sexa observable.

muíño

 

A maioría dos proxectos deseñados polos diferentes grupos estiveron baseados no mecanismo de transformación leva-seguidor, incorporando un único sistema ou varios.

Pneumática

A semana pasada comezamos a unidade de pneumática en 4º da ESO, e puxen a disposición do meu alumnado diferentes materiais para traballar os contidos. Se queres acceder a eles, fai clic aquí.

A recompilación inclúe un simulador de circuítos pneumáticos que empregamos para a resolución de problemas mediante un deseño. Como cada alumno dispón dun portátil para o seu uso persoal, tamén empregarán o simulador na realización do exame da unidade, na vez de executar os seus deseños en papel.

Técnicas de representación

A web educacionplastica.net contén unha boa colección de recursos interactivos. Cos exercicios de vistas o alumnado aprenderá a identificar planta, alzado e perfil de 16 pezas diferentes que se presentan en perspectiva isométrica. A aplicación permite xirar a peza, realizar o trazado das vistas e fotografar a práctica, a fin de que o alumnado poida gardala e remitila para a súa corrección.

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos