Volvendo ao que nos interesa neste momento, en xullo deste ano terá lugar a primeira carreira de coches ecolóxicos, construídos a pequena ou gran escala, pero dispostos á venta no mercado. É dicir, non se trata de prototipos, senón de vehículos preparados para circular polas estradas. Xa se sabe que a carreira se disputará en varias categorías, con coches eléctricos, híbridos, de hidróxeno, de gas natural e de biocarburantes. O obxectivo, polo de agora, non é tanto a velocidade, como demostrar que as tecnoloxías limpas, como a do Venturi Astrolab solar que presentamos na foto, son viables hoxe en día.
E dicimos polo de agora, porque algo se está movendo na carreira francesa de resistencia. Se hai uns anos os vehículos diesel revolucionaron a resistencia ó copar as primeiras prazas cos Audi TDI, Peugeot aposta máis forte aínda presentando o seu 908 híbrido diesel para correr na carreira absoluta das 24 horas de Le Mans 2009. O prototipo xa está a punto, pero mantense o suspense sobre a súa presentación oficial. Anunciárase a súa participación para os 1000 quilómetros de Shanghai no pasado mes de novembro, pero a suspensión desta carreira obrigou ós aficionados a armarse de paciencia para demostrar dunha vez por todas que o gusto polos automóbiles rima perfectamente co respecto polo medio ambiente e o consumo racional de enerxía.

