O meu primeiro ordenador

No mes de Abril Jorge Gómez, profesor de tecnoloxía en Compostela, publicaba no seu blog unha entrada onde nos relataba as características do seu primeiro ordenador, un Commodore 64. Lembro que cando o lin entón pensei en realizar o mesmo exercicio de nostalxia…

A principios dos anos 80 o ordenador doméstico máis vendido era o Spectrum, e por tanto tamén o que ofrecía máis posibilidades á hora de conseguir e intercambiar xogos. Meus irmáns e eu nos puxeramos de acordo para pedilo por Reis ate que coñecimos os MSX, un estándar que aseguraba a compatibilidade mesmo entre ordenadores de diferentes marcas. Así foi como escollimos o Hit Bit de Sony.

hit bit sony

Mercámolo nunha tenda distribuidora de Sony que xa non existe e custou arredor de 60000 pesetas (uns 360 €) que era moito diñeiro naquel momento. Cando chegabas a casa e abrías a caixa, o único que atopabas era o que podedes ver na imaxe: un teclado con dúas fendas de entrada para cartuchos de memoria e 16 KB de memoria RAM. Xa vedes, nin rato nin monitor, había que conectalo ao televisor cun cable coaxial.

Algúns modelos doutras marcas incorporaban un reprodutor de cintas magnéticas que permitía cargar información no equipo e tamén gardala, pois non había nada parecido a un disco duro.  O Hit Bit, non pero sempre podías conectarlle un radiocasete  mono que tiveras por casa.

Desde a perspectiva actual os xogos resultan moi simples, pero naqueles tempos nos parecían absolutamente xeniais.  Tiñamos tres posibilidades para conseguilos:

  1. Mercar un cartucho que podías cambiar sempre que quixeras por calquera dos que había dispoñibles na tenda onde adquirimos o ordenador.
  2. Gravar xogos nunha cinta e cargalos no ordenador coa axuda dun radiocasete e un pouco de paciencia (tardaban varios minutos).
  3. Mercar unha revista especializada e teclear por turnos as interminables liñas de código (sempre cruzabamos os dedos para que o ordenador non se apagara sen ter gravado antes nunha casete). Así foi como conseguimos, por exemplo, unha versión moi básica do Arkanoid.

O noso xogo favorito era o Athletic Land. Tamén estaban o Hero, o Nemesis ou o Penguin Adventure, pero o Athletic Land foi o que máis tempo tivemos na casa antes de cambialo finalmente na tenda.

Se queredes probar este xogo e outros, podedes botarlle un ollo a JuegoTK, que ofrece a posibilidade de xogar online. Eu xa estiven recordando tempos…

Cal foi o voso primeiro ordenador???

2 opiniones sobre “O meu primeiro ordenador

Comentarios pechados

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos