Imaxes 3D caseiras

Xa o sei, aproveito o verán para tratar no blog cuestións menos académicas que durante o curso, pero é que todos estamos de vacacións 🙂

Hoxe falarei dos primeiros recordos que teño das películas 3D (preparádevos para viaxar no tempo) e tamén de como obter imaxes 3D de forma caseira.

A principios dos anos 80, máis concretamente no ano 83 estreouse “El Tesoro de las Cuatro Coronas”, protagonizada entre outros nada menos que por Ana Obregón! Meus irmáns, curmáns e eu fomos ao cine perfectamente equipados coas nosas “gafas especiais” e alucinamos con cada efecto da película. Non me preguntedes por moitos detalles pero lembro unha serpe que parecía saír da pantalla e que nos deixara impresionadísimos a todos.

cine 3d

O seguinte episodio que recordo na miña experiencia 3D foi unha peli emitida pola única canle de televisión que existía naquel entón (ou case, porque na 2 case sempre había deporte). Lembro a todos os nenos encargando no quiosco do barrio as imprescindibles gafas para desfrutar daquel western no que tiñamos que esquivar frechas e machadas. Maxia pura e unha peli terriblemente esquecible 🙂

Moitísimo tempo máis tarde tiven a oportunidade de testar a idea dun compañeiro de facultade (gracias Xesús!). Disparou unha diapo dun obxecto e movéndose lateralmente un paso, disparou de novo. As dúas diapos foron proxectadas simultaneamente  (de forma que se solaparan sobre unha pantalla) empregando dous proxectores e poñendo un polarizador á saída de cada un deles (tendo coidado de que ambos estiveran cruzados). O observador só necesitaba un par de polarizadores cruzados e tachán, unha proxección 3D!

Podedes simplificar a montaxe se empregades un par de visores de diapos (como o que podedes ver na figura) pegados entre si para que cada ollo soamente poda ver o que lle corresponde (coma no caso dos polarizadores). Xa me contaredes se facedes a proba e sobor de todo, tentade non variar moito o encuadre cando vos despracedes lateralmente para sacar a segunda diapo.

Comentarios pechados

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos