Como fan os magos e ilusionistas para conseguir que vexamos o que eles queiran?
Por que as ras soamente poden ver as moscas cando se moven e nós podemos ver obxectos estáticos?
Hai pouco un dos habituais de amazings recomendaba un capitulo en particular do sempre interesante programa Redes dirixido e presentado por Eduard Punset e que vos recomendo que vexades.
Eduard Punset, a neurocientífica Susana Martínez-Conde (do Laboratorio de Neurociencia Visual do Instituto Neurolóxico Barrows, en Phoenix (Arizona)) e o mago Miguel Ángel Gea fálannos de como percibimos un sinxelo truco de maxia a nivel neuronal. Vou recompilar algunha da información que se ofrece na reportaxe pero a miña recomendación é que non vos perdades o vídeo.
- Atención endóxena: normalmente é voluntaria e consiste en orientar a nosa atención a procesos internos, tales como pensar se alguén leva o reloxo na man dereita ou esquerda.
- Atención esóxena: normalmente é involuntaria e adoita ser o resultado dun estímulo externo como por exemplo un ruído.
- Cegueira de cambio: podemos recibir un estímulo correctamente e con todo non percibir un cambio moi grande porque non se lle presta atención, e isto sucede porque outros estímulos máis potentes captan a nosa atención sensorial. Por exemplo un movemento amplo deixará nun segundo plano un movemento pequeno pero que debería ser observable noutras circunstancias.
- Cegueira por desatención: créase un foco de atencion que fai que o noso cerebro inhiba todo o demais. Non o credes? Botádelle un ollo ao vídeo do que falan durante o programa. Aquí tedes a ligazón.
- Distracción mental: trátase de estimular a atención endóxena incitando a que o espectador realice procesos internos. Os magos adoitan empregar este tipo de manobras conxuntamente coa atención esóxena, conseguindo que “deixemos de mirar” sen saber cando o fixemos.
- Atención conxunta: prestamos atención a sucesos aos que cremos que outras persoas prestan atención.
Temos que partir da base de que o cerebro non “ve” todo o que percibimos a través da retina e que por tanto non vai procesar conscientemente toda a información que lle chegue. Agora xa coñecedes moitos dos trucos dos que se valen magos e ilusionistas para sorprendernos e ademais coñecedes a explicación neuronal que hai detrás. Pero que teñen que ver as ras en todo isto?
Os humanos e os primates somos os únicos animais que podemos percibir o estático, é dicir, o que non se move. Como? A partir de movementos oculares de moi pequena amplitude que se realizan a razón de 60 oscilacións nun segundo. Son as chamadas microsacadas as que convirten en móbil o que está quieto. É por iso que unha mosca que non se move nunca será capturada por unha ra, pois ao non ser capaz de detectar o movemento, non a ve.
Cal é a finalidade das microsacadas? Que os estímulos cheguen de forma contínua ao cerebro, evitando así o que os neurólogos chaman a adaptación neuronal (as neuronas que non reciben estímulos pasan a estar inactivas).
Apaixoante, verdade? Isto só foi un pequeno resumo do que podedes atopar neste capítulo de Redes. En serio, non vos perdades o vídeo porque ademais aprenderedes algún que outro truco de maxia co que impresionar aos colegas e veredes como existen magos (pick pockets) que se adican a limpar os petos dos inxénuos colaboradores que se prestan a botar unha man durante o espectáculo.
