Obxectos tecnolóxicos/obxectos non tecnolóxicos

Hai unha actividade que fago cada ano cos alumnos de 2º da ESO (que teñen por primeira vez Tecnoloxía). Antes de falar do que é a tecnoloxía, entrégolle a cada un unha tarxeta co nome dun obxecto de uso cotián. Cada un ten que decidir se o coloca na columna dos obxectos tecnolóxicos ou dos non tecnolóxicos e cando rematamos a clasificación eu indícolles o número de erros que hai en cada columna. Cada alumno entón ten a súa quenda para facer un cambio e eu vou dando sempre o número de erros. O xogo continúa ate que a clasificación é correcta e entón facemos análise do que teñen en común os obxectos da mesma columna.

Para eles é moi difícil identificar un lapis ou un anaco de cartón como obxectos tecnolóxicos porque sempre pensan en termos de obxectos complexos e normalmente eléctricos ou electrónicos. Ao final damos unha definición de Tecnoloxía en base a todas as ideas que xurden durante a discusión.

A parte máis divertida é sen dúbida na que teñen que facer cambios, porque na primeira volta todos están de acordo en que unhas gafas non son un obxecto tecnolóxico 🙂

Anímovos a probar nas vosas aulas!

Comentarios pechados

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos