Non creo que en todas as casas haxa unha caixa co nome “Tecnoloxía Obsoleta”. Na nosa, si. Aí imos gardando todos os aparellos que algún día foron útiles e hoxe están fóra de uso. É unha especie de colección.
Hai pouco, miña irmá puxo enriba dunha mesa tecnoloxía obsoleta anos 70-90 que todavía estaba na casa dos nosos pais: walkies-talkies (entón diciamos radiocomandos), pequenos videoxogos portátiles (chamados entón “maquinitas”), un magnetófono que só funcionaba a pilas, cámaras de fotos das de carrete,… e o meu favorito, o Pong!
Pong era un xogo electrónico deseñado para conectarse á tele a través de coaxial. Os mandos (que por suposto non eran inalámbricos) soamente tiñan unha roda que podías xirar en ambos sentidos para posicionar o teu xogador de tenis, fútbol ou frontón (pero que sempre tiña o mesmo aspecto de liña vertical). A consola funcionaba soamente a pilas e incorporaba diferentes cursores para seleccionar entre un e dous xogadores, a velocidade de xogo, a lonxitude da liña vertical e seguro que algún máis.
Faltan na foto auténticas xoias da época como a videoconsola Atari ou o videoxogo portátil Galaxy2, que non parou de funcionar unhas vacacións de Nadal e que uns 30 anos despois, aínda funciona. Quedarán para outro día 🙂

