Chegamos á terceira avaliación e agora é o momento de que o alumnado aplique os coñecementos adquiridos no deseño e realización dun proxecto propio.
Cada grupo debe investigar e decidir que quere construír como proxecto de fin de curso, respectando sempre unha serie de requirimentos. Unha vez tomada a decisión, deben presentarme a idea e discutila comigo para obter a aprobación do proxecto. Nalgunhas ocasións a proposta pode non resultar adecuada por diferentes motivos, e nese caso, o grupo debe realizar modificacións ou presentar unha nova proposta.
Cando o proxecto é aprobado, desenvolven a súa idea en planos, solicitan o material necesario, e comezan a construír.
2º da ESO
Deben incorporar un circuíto eléctrico e non sobrepasar as dimensións dunha caixa de proxectos. Algúns dos proxectos en fase de execución son:
- Sen inversión de xiro: unha avioneta con dúas hélices e luz, unha nora, un muíño con luz, unha lancha propulsada por dous motores, a ruleta da fortuna, un tiovivo,…
- Con inversión de xiro: unha porta corredeira, unha porta de garaxe enrolable, un ascensor, unha ponte levadiza,…
3º da ESO
Deben incorporar o control de dispositivos cunha placa de arduino e non sobrepasar as dimensións dunha caixa de proxectos. Algúns dos proxectos en fase de execución son:
- Semáforo para peóns que mostra a conta atrás nun display de 7 segementos para indicar o tempo que resta en verde
- Dado electrónico que mostra a tirada nun display de 7 segmentos
- Xogo con dobre botón no que gaña o xogador que pulsa primeiro, e o resultado é mostrado nun display de 7 segementos
- Refuxio antiaéreo no que se mostran diferentes mensaxes nunha pantalla LCD e ademais incorpora luces e un sinal de alarma
- Secador de unllas funcional que recicla o ventilador dun ordenador
4º da ESO
Deben incorporar o control de dispositivos cunha placa de arduino e/ou actuadores hidráulicos. Estes proxectos poden exceder as dimensións dunha caixa de proxectos se é necesario. Algúns dos proxectos en fase de execución son:
- Foguete con movemento hidráulico que mostra a secuencia de despegue a través dunha pantalla LCD
- Ascensor hidráulico con indicador de piso a través dun display de 7 segmentos
- Autolavado con porta hidráulica que mostra diferentes mensaxes nunha pantalla LCD
- Boneco con articulacións hidráulicas
Seguirei informando acerca dos 33 proxectos que xa están en marcha!!!
Deixar un comentario