Primeiras probas

Durante o obradoiro de manexo de telescopios impartido por Salva, @s alumn@s de 4º de PDC probaron as cámaras dos móbiles. Aquí tedes algunhas das fotos que sacou Irma e en canto as nubes nos deixen, teremos fotos da Lúa!

Foto de Irma Gómez Amado

Xornada de telescopios

En base ao prognóstico de meteogalicia para mañá, deixaremos a xornada de observación e astrofotografía para o xoves ou venres (ou ambos). Mañá falamos!

Agardo as vosas fotos de onte!

Unha visita moi esperada

Durante toda a 2ª avaliación vimos desenvolvendo diferentes actividades de astronomía en paralelo co traballo doutras unidades. A próxima semana será especialmente emocionante porque o luns teremos a inmensa sorte de contar coa visita de Salvador Bará, profesor da Facultade de Física da USC e responsable da iniciativa Astronomía na Beirarrúa:

“O ceo está no teu barrio!

Astronomía na beirarrúa é un programa de actividades promovido pola Universidade de Santiago de Compostela e o Clube de Astronomía Vega para desfrutar do ceo nocturno dende as rúas e prazas dos nosos barrrios, en estreita cooperación coas entidades asociativas veciñais.”

Na primeira hora de clase descubriremos a Lúa a través da charla “Alén dos confíns da luz e das tebras…” (Galileo e a Lúa, 1610). Agora que non nos escoita, teño que dicirvos que Salva foi o meu profe (o mellor que tiven) polo que podo asegurarvos que aprenderemos moitísimo e non teremos tempo nin para pestanexar escoitando sorprendentes e interesantes historias acerca do noso satélite e o vello Galileo.

Na segunda hora de clase, despois do recreo, teremos un obradoiro no que nos iniciaremos no manexo dos telescopios  e en particular, dos tres que o grupo de Astronomía na Beirarrúa nos deixa en préstamo durante toda a semana (grazas!!!). Con eles realizaremos observacións e unha actividade de astrofotografía empregando as cámaras dos teléfonos móbiles (fixaremos o día consultando Meteogalicia).

Proxecto colaborativo: Contaminación Lumínica

Dende o Ámbito Científico-Técnico de 4ºD  participaremos ate o 6 de Marzo nun proxecto colaborativo  de caráter mundial: Globe at Night.

Trátase de determinar a contaminación lumínica en calquera punto da Terra a través da observación da constelación de Orión.  As nosas medicións formarán parte dun mapal global onde se rexistrarán medidas realizadas en todo o Mundo.

A suxestión chéganos a través de Astronomía na Beirarrúa (grazas!). Animádevos a participar con nós, soamente precisaredes uns minutos!!!

Para introducir os datos da túa observación, fai clic aquí.

Ela é unha astrónoma

No marco das actividades de Astronomía que estamos a realizar no ámbito científico-técnico, quixemos recuperar a magnífica exposición elaborada en 2009 con motivo do Ano Internacional de Astronomía. Co título Con A de Astrónomas e a través de 13 paneis, poderemos facer un percorrido polo Sol, o sistema solar, as estrelas, as galaxias… o universo, á vez que coñeceremos as achegas de moitas das astrónomas que fixeron importantes contribucións nesta ciencia. O punto de vista é nesta ocasión o das mulleres que pasaron e pasarán á historia a través do seu traballo. Co noso recoñecemento a todas elas queremos conmemorar o 8 de Marzo, Dia Internacional da Muller Traballadora.

amct

Os diferentes paneis que conforman a exposición poden descargarse en diferentes calidades e idiomas a través da web do AIA 2009

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos