Tomando medidas XI: Xogamos coas escalas

Se a Terra fora un balón de baloncesto e a Lúa unha pelota de tenis, que distancia debería separalas para manter a escala empregada nos diámetros?

Onte vin este vídeo en amazings e hoxe realizamos unha pequena práctica na clase de Ámbito Científico-Técnico (dentro das actividades relacionadas con astronomía que estamos desenvolvendo ao longo desta avaliación).

A partir da wikipedia, @s alumn@s buscaron os seguintes datos:

  • Diámetro da Terra
  • Diámetro da Lúa
  • Diámetro dun balón de baloncesto
  • Diámetro dunha pelota de tenis

Logo de comprobar que os diámetros balón de balocesto-pelota de tenis gardaban a mesma relación (aproximadamente) ca os diámetros Terra-Lúa e que polo tanto estaban ben escollidos, pedinlles que buscaran que distancia media separa o noso planeta do seu satélite.

Xa só quedaba calcular o factor de escala Terra-balón de baloncesto e empregalo para determinar a que distancia do balón de baloncesto teriamos que colocar a pelota de tenis. O (sorprendente) resultado, arredor de 7 metros.

Por certo, no vídeo observaredes que a persoa que camiña para situar a pelota de tenis na súa posición correcta, dá 10 pasos. Se os seus pasos foran amplos, tería dado arredor de 7 porque o paso amplo dunha persoa adulta de estatura media mide arredor de 1 metro.

O modelado do relevo

A exposición de traballos sobre o modelado do relevo comezará o vindeiro luns día 14 de Febreiro. A orde é a seguinte:

  1. Many: Tectónica de placas
  2. Adry: Volcáns
  3. Yasmín: Terremotos
  4. Tamara: Acción xeolóxica das augas superficiais
  5. Aitor: Acción xeolóxica das augas subterráneas
  6. Nerea: Acción xeolóxica do xeo
  7. Mau: Acción xeolóxica do vento
  8. Cris: Acción xeolóxica do mar
  9. Irma: Procesos no relevo debidos aos axentes xeolóxicos externos: meteorización, erosión, transporte e sedimentación


Photo credit: eos53 from morguefile.com

Un par de avisos

  • A data límite para entregar os traballos sobre o modelado do revelo é o martes día 8 de Febreiro (non recollerei traballos entregados fóra de prazo). Podedes ou ben envialos por mail ou ben gravalos nun pen.
  • O xoves día 10 de Febreiro a 4ª hora terá lugar na aula de 4ºC a charla de orientación vocacional impartida pola nosa orientadora Eva Sanz. importante

Primeiro vídeo do lanzamento de foguetes de auga!!!

Unha pequena mostra (tede paciencia e haberá máis) da xornada de foguetes de auga que tivemos esta mañá. Trátase do lanzamento do foguete construído polos alumnos de 4ºD. As dúas gravacións correspóndense con dúas cámaras, unha na base de lanzamento e outra situada para rexistrar a traxectoria completa do foguete. Un traballo estupendo. Parabéns a tod@s!!!

A mecánica do Universo (I)

Comezamos esta unidade co visionado dun programa especial de Mythbusters acerca da suposta teoría da conspiración arredor da chegada do Home á Lúa. Podedes descargar o vídeo que vimos e analizamos en clase ben dende a aulateca, ben facendo clic aquí. O exercicio que vos propoño é o seguinte:

  1. Escollede 2 probas da teoría da conspiración
  2. Explicade en que consiste cada unha delas
  3. Describide o experimento que se prantexa para refutar cada unha das probas
  4. Analizade as conclusións que se poden obter dos experimentos, valorando se as probas presentadas son válidas.

pegada_aldrin

E o día dos lanzamentos é…

Ao longo da clase de hoxe de hoxe rematamos os foguetes e dispuxemos todo para o día dos lanzamentos. Inicialmente pensamos no luns, pero as dúas horas de clase quedan partidas polo recreo. O martes as dúas horas son seguidas pero son as dúas primeiras da mañá e todavía non hai luz suficiente para realizar gravacións de calidade. Que tal o mércores? É o día perfecto pero teremos o tempo do noso lado? Consultado o servizo de meteogalicia, o pronóstico é bo, polo que quedamos para o mércores!!!

meteogalicia

Primeiras probas cos foguetes de auga

Vídeo que documenta as primeiras probas cos foguetes de auga. Como o tempo non se prestaba moito, fixémolas dentro do taller e sen agua, claro. Cada quen puido afacerse á tarefa que terá que realizar o día do lanzamento, e de paso aproveitamos para probar varios materiais nos que cravar a agulla da bomba de aire.

Se queredes ver un par de vídeos máis, visitade a canle de YouTube do blog. Nun deles a presión foi insuficiente polo que o voo foi moi curto. No outro, fixemos un lanzamento vertical no exterior aproveitando un momento no que non chovía, pero si facía bastante vento. Todos eles foron soamente con aire a presión. Os lanzamentos con auga e con cámara de vídeo incorporada no foguete, serán a semana que vén.

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos