Biblioteca + Tecnoloxía

Este curso repetimos a experiencia de colaboración coa biblioteca do instituto. Marta, a dinamizadora da biblioteca, indicoulles aos alumn@s de 2º de ESO as características dos suxeitalibros que precisaba e estes realizaron diferentes deseños que unha vez construídos, poden verse nos andeis. No seguinte vídeo, os traballos de 2ºD.

O mundo á noite: pon o teu punto no mapa

Un ano máis está en marcha Globe at Night, un proxecto colaborativo sobre contaminación lumínica a nivel mundial. Participar é moi sinxelo. Observa a constelación de Orión a simple vista e compara as túas observacións cos mapas estelares que atoparás nesta páxina.

globe_at_night

Esta primeira fase estará aberta ate o 12 de Xaneiro (avisarei das seguintes). Pon o teu punto no mapa!!!

mapa

Electricidade estática

Brais Rey, alumno de Tecnoloxía de 4ºA, explícanos como é posible poñer en movemento unha lata de refresco cun globo sen que exista contacto entre ambos. Grazas, Brais!!!

A electriciade estática é a acumulación dun exceso de carga eléctrica nunha zona con pouca conductividade eléctrica, un illante, de maneira que a acumulación de carga persiste.

No vídeo vemos un tipo de electricidade estática chamada polarización inducida. Esta prodúcese cando un obxecto cargado repele ou atrae os electróns da superficie doutro obxecto. Esto crea unha rexión no segundo obxecto que está máis cargada positivamente, creándose unha forza atractiva entre os obxectos. Neste caso, cando se frota o globo, este fará que a lata se mova debido á forza atractiva exercida por dúas superficies con cargas opostas (a superficie da lata gaña unha carga eléctrica inducida, pois os electróns libres da superficie da lata son repelidos polos electróns que gañou o globo ao frotarse, creando unha superficie de carga positiva na lata, que logo atrae a superficie do globo).

Feitos cunha lanterna

Alégrame moito presentarvos a primeira colaboración no blog realizada por un alumno do instituto. Queredes aprender a pintar con luz? Many explícanos como facelo ademais de deixarnos estas dúas fantásticas fotos. Para máis detalles, visitade o seu blog.

Estas imaxes sacáronse cunha velocidade de obturador lenta, o que quere dicir que mentres o obturador está aberto durante o tempo que ti lle poñas, recollerá a imaxe en movemento. Fixemos debuxos cunha lanterna prendida e saíron algunhas imaxes como as que estades a ver. Así é como a cámara recolleu o movemento da lanterna.

Facédeo!

Unha visita moi esperada

Durante toda a 2ª avaliación vimos desenvolvendo diferentes actividades de astronomía en paralelo co traballo doutras unidades. A próxima semana será especialmente emocionante porque o luns teremos a inmensa sorte de contar coa visita de Salvador Bará, profesor da Facultade de Física da USC e responsable da iniciativa Astronomía na Beirarrúa:

“O ceo está no teu barrio!

Astronomía na beirarrúa é un programa de actividades promovido pola Universidade de Santiago de Compostela e o Clube de Astronomía Vega para desfrutar do ceo nocturno dende as rúas e prazas dos nosos barrrios, en estreita cooperación coas entidades asociativas veciñais.”

Na primeira hora de clase descubriremos a Lúa a través da charla “Alén dos confíns da luz e das tebras…” (Galileo e a Lúa, 1610). Agora que non nos escoita, teño que dicirvos que Salva foi o meu profe (o mellor que tiven) polo que podo asegurarvos que aprenderemos moitísimo e non teremos tempo nin para pestanexar escoitando sorprendentes e interesantes historias acerca do noso satélite e o vello Galileo.

Na segunda hora de clase, despois do recreo, teremos un obradoiro no que nos iniciaremos no manexo dos telescopios  e en particular, dos tres que o grupo de Astronomía na Beirarrúa nos deixa en préstamo durante toda a semana (grazas!!!). Con eles realizaremos observacións e unha actividade de astrofotografía empregando as cámaras dos teléfonos móbiles (fixaremos o día consultando Meteogalicia).

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos