Globe at Night

Globe at Night acaba de agradecer a través do seu Facebook a colaboración de tod@s @s participantes. É emocionante pensar que é posible formar parte dun proxecto colaborativo mundial á vez que se desfruta do ceo.

Feitos cunha lanterna

Alégrame moito presentarvos a primeira colaboración no blog realizada por un alumno do instituto. Queredes aprender a pintar con luz? Many explícanos como facelo ademais de deixarnos estas dúas fantásticas fotos. Para máis detalles, visitade o seu blog.

Estas imaxes sacáronse cunha velocidade de obturador lenta, o que quere dicir que mentres o obturador está aberto durante o tempo que ti lle poñas, recollerá a imaxe en movemento. Fixemos debuxos cunha lanterna prendida e saíron algunhas imaxes como as que estades a ver. Así é como a cámara recolleu o movemento da lanterna.

Facédeo!

Primeiras probas

Durante o obradoiro de manexo de telescopios impartido por Salva, @s alumn@s de 4º de PDC probaron as cámaras dos móbiles. Aquí tedes algunhas das fotos que sacou Irma e en canto as nubes nos deixen, teremos fotos da Lúa!

Foto de Irma Gómez Amado

Xornada de telescopios

En base ao prognóstico de meteogalicia para mañá, deixaremos a xornada de observación e astrofotografía para o xoves ou venres (ou ambos). Mañá falamos!

Agardo as vosas fotos de onte!

Unha visita moi esperada

Durante toda a 2ª avaliación vimos desenvolvendo diferentes actividades de astronomía en paralelo co traballo doutras unidades. A próxima semana será especialmente emocionante porque o luns teremos a inmensa sorte de contar coa visita de Salvador Bará, profesor da Facultade de Física da USC e responsable da iniciativa Astronomía na Beirarrúa:

“O ceo está no teu barrio!

Astronomía na beirarrúa é un programa de actividades promovido pola Universidade de Santiago de Compostela e o Clube de Astronomía Vega para desfrutar do ceo nocturno dende as rúas e prazas dos nosos barrrios, en estreita cooperación coas entidades asociativas veciñais.”

Na primeira hora de clase descubriremos a Lúa a través da charla “Alén dos confíns da luz e das tebras…” (Galileo e a Lúa, 1610). Agora que non nos escoita, teño que dicirvos que Salva foi o meu profe (o mellor que tiven) polo que podo asegurarvos que aprenderemos moitísimo e non teremos tempo nin para pestanexar escoitando sorprendentes e interesantes historias acerca do noso satélite e o vello Galileo.

Na segunda hora de clase, despois do recreo, teremos un obradoiro no que nos iniciaremos no manexo dos telescopios  e en particular, dos tres que o grupo de Astronomía na Beirarrúa nos deixa en préstamo durante toda a semana (grazas!!!). Con eles realizaremos observacións e unha actividade de astrofotografía empregando as cámaras dos teléfonos móbiles (fixaremos o día consultando Meteogalicia).

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos