Proxecto colaborativo: Contaminación Lumínica

Dende o Ámbito Científico-Técnico de 4ºD  participaremos ate o 6 de Marzo nun proxecto colaborativo  de caráter mundial: Globe at Night.

Trátase de determinar a contaminación lumínica en calquera punto da Terra a través da observación da constelación de Orión.  As nosas medicións formarán parte dun mapal global onde se rexistrarán medidas realizadas en todo o Mundo.

A suxestión chéganos a través de Astronomía na Beirarrúa (grazas!). Animádevos a participar con nós, soamente precisaredes uns minutos!!!

Para introducir os datos da túa observación, fai clic aquí.

Ela é unha astrónoma

No marco das actividades de Astronomía que estamos a realizar no ámbito científico-técnico, quixemos recuperar a magnífica exposición elaborada en 2009 con motivo do Ano Internacional de Astronomía. Co título Con A de Astrónomas e a través de 13 paneis, poderemos facer un percorrido polo Sol, o sistema solar, as estrelas, as galaxias… o universo, á vez que coñeceremos as achegas de moitas das astrónomas que fixeron importantes contribucións nesta ciencia. O punto de vista é nesta ocasión o das mulleres que pasaron e pasarán á historia a través do seu traballo. Co noso recoñecemento a todas elas queremos conmemorar o 8 de Marzo, Dia Internacional da Muller Traballadora.

amct

Os diferentes paneis que conforman a exposición poden descargarse en diferentes calidades e idiomas a través da web do AIA 2009

Tomando medidas XI: Xogamos coas escalas

Se a Terra fora un balón de baloncesto e a Lúa unha pelota de tenis, que distancia debería separalas para manter a escala empregada nos diámetros?

Onte vin este vídeo en amazings e hoxe realizamos unha pequena práctica na clase de Ámbito Científico-Técnico (dentro das actividades relacionadas con astronomía que estamos desenvolvendo ao longo desta avaliación).

A partir da wikipedia, @s alumn@s buscaron os seguintes datos:

  • Diámetro da Terra
  • Diámetro da Lúa
  • Diámetro dun balón de baloncesto
  • Diámetro dunha pelota de tenis

Logo de comprobar que os diámetros balón de balocesto-pelota de tenis gardaban a mesma relación (aproximadamente) ca os diámetros Terra-Lúa e que polo tanto estaban ben escollidos, pedinlles que buscaran que distancia media separa o noso planeta do seu satélite.

Xa só quedaba calcular o factor de escala Terra-balón de baloncesto e empregalo para determinar a que distancia do balón de baloncesto teriamos que colocar a pelota de tenis. O (sorprendente) resultado, arredor de 7 metros.

Por certo, no vídeo observaredes que a persoa que camiña para situar a pelota de tenis na súa posición correcta, dá 10 pasos. Se os seus pasos foran amplos, tería dado arredor de 7 porque o paso amplo dunha persoa adulta de estatura media mide arredor de 1 metro.

Primeiro vídeo do lanzamento de foguetes de auga!!!

Unha pequena mostra (tede paciencia e haberá máis) da xornada de foguetes de auga que tivemos esta mañá. Trátase do lanzamento do foguete construído polos alumnos de 4ºD. As dúas gravacións correspóndense con dúas cámaras, unha na base de lanzamento e outra situada para rexistrar a traxectoria completa do foguete. Un traballo estupendo. Parabéns a tod@s!!!

A mecánica do Universo (I)

Comezamos esta unidade co visionado dun programa especial de Mythbusters acerca da suposta teoría da conspiración arredor da chegada do Home á Lúa. Podedes descargar o vídeo que vimos e analizamos en clase ben dende a aulateca, ben facendo clic aquí. O exercicio que vos propoño é o seguinte:

  1. Escollede 2 probas da teoría da conspiración
  2. Explicade en que consiste cada unha delas
  3. Describide o experimento que se prantexa para refutar cada unha das probas
  4. Analizade as conclusións que se poden obter dos experimentos, valorando se as probas presentadas son válidas.

pegada_aldrin

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos