Día da Ciencia en Galego

Hoxe é 4 de Novembro, Día da Ciencia en Galego!

Todos os que facemos garda de recreo no patio sabemos que moitos dos días vai tanto vento, que mesmo parece que nos levará a nós. Pero hoxe non se movía nada… nada salvo nós, alumnos e profesores, tentando facer voar os papaventos 🙂

As cousas non saíron como agardabamos pero igualmente foi unha xornada estupenda, como sucede moitas veces cando facemos Ciencia 🙂

Seguindo a idea proposta por María Loureiro dende tecnoloxia.org, fixemos unha recompilación de termos que empregamos diariamente no Ámbito Científico-Técnico e pegámolos por toda a aula… e tamén fóra!

Lúa, traxectoria, desenvolvemento sostible, forza, expoñente, movemento, números enteiros, estrela, ecoloxía, probabilidade, xenética, tempo,… son palabras útiles e fermosas.

Día da Ciencia en Galego

ciencia en galego

Mañá celebramos o Día da Ciencia en Galego co que reclamamos o noso dereito a impartir e recibir as clases no noso idioma. Farémolo facendo voar dous papaventos mentres dende Radio Furoca se realiza a lectura dun manifesto (será durante o segundo recreo). Vide e participade connosco!!!

Tamén podedes acceder a esta información a través da  web do instituto.

Tecnoloxía obsoleta

tecnoloxia obsoleta

Non creo que en todas as casas haxa unha caixa co nome “Tecnoloxía Obsoleta”. Na nosa, si. Aí imos gardando todos os aparellos que algún día foron útiles e hoxe están fóra de uso. É unha especie de colección.

Hai pouco, miña irmá puxo enriba dunha mesa tecnoloxía obsoleta anos 70-90 que todavía estaba na casa dos nosos pais: walkies-talkies (entón diciamos radiocomandos), pequenos videoxogos portátiles (chamados entón “maquinitas”), un magnetófono que só funcionaba a pilas, cámaras de fotos das de carrete,… e o meu favorito, o Pong!

Pong era un xogo electrónico deseñado para conectarse á tele a través de coaxial. Os mandos (que por suposto non eran inalámbricos) soamente tiñan unha roda que podías xirar en ambos sentidos para posicionar o teu xogador de tenis, fútbol ou frontón (pero que sempre tiña o mesmo aspecto de liña vertical). A consola funcionaba soamente a pilas e incorporaba diferentes cursores para seleccionar entre un e dous xogadores, a velocidade de xogo, a lonxitude da liña vertical e seguro que algún máis.

pong

Faltan na foto auténticas xoias da época como a videoconsola Atari ou o videoxogo portátil Galaxy2, que non parou de funcionar unhas vacacións de Nadal e que uns 30 anos despois, aínda funciona. Quedarán para outro día 🙂

Un xogo para a fin de semana

Tedes unha estrela que podedes mover e a gravedade fai que os planetas describan órbitas arredor dela. Onde tedes que situala? Os planetas non poden saír de pantalla, non poden chocar entre eles e tampouco coa vosa estrela. Por suposto, tamén interaccionan entre eles 🙂

orbitrunnerVía microsiervos.

Atrevédesvos co Orbitrunner? Facede clic aquí para xogar.

Efectos encadeados e Phineas e Ferb

Nos primeiros tempos da materia de Tecnoloxía estiveron moi de moda as máquinas de efectos encadeados. Eu mesma, por exemplo, dirixín un proxecto destas características no meu primeiro ano como profe.

Phineas_Ferb_Drawing_Board

Calquera pode facer unha e o mellor de todo é que non precisades material especial, senón botar man de obxectos que temos todos na casa. Por casualidade cheguei a esta páxina onde Phineas e Ferb organizan un concurso chamado Reacción en Cadea. Eu anímovos, non a que participedes, senón a que gravedes os vosos propios vídeos de efectos encadeados co móbil e mos enviedes para publicar no blog e na canle de YouTube.

Anímase alguén???

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos