Leo en microsiervos que o símbolo de reciclaxe cumpre 40 anos. Queredes coñecer a súa interesante historia? Aí vai unha pista…
Tomando medidas II: un momento
Estouno pasando moi ben lendo Asesinatos Matemáticos de Claudi Alsina, un libro cheo de interesantes anécdotas arredor do mundo dos números.
Sabiades que os romanos dividían a hora en 40 partes e que chamaban momento a cada unha delas? Así pois, un momento duraba para eles exactamente un minuto e medio.
Lembrádeo a próxima vez que alguén vos pida que agardedes un momento 🙂
James Randi nas charlas do TED
James Randi é un ilusionista que nos anos 70 desafiou publicamente a Uri Geller e actualmente ofrece, a través da súa fundación educativa, un premio dun millón de dólares a calquera persoa que sexa capaz de demostrar cualidades paranormais en condicións controladas. Os anos pasan e o premio segue sen ter dono.
Nesta charla do TED que tamén atoparedes subtitulada en multitude de idiomas, James Randi non deixa monicreque con cabeza á hora de falar dos fraudes psíquicos. Non ten desperdicio!
(NOTA DA EDITORA: segue a haber problemas ao subir e incrustar vídeos pero aquí tedes a ligazón)
Phineas e Ferb: creatividade pura
Todos os que temos nenos na casa vemos os debuxos animados que eles ven (a tele pode ser educativa na súa xusta medida e coa supervisión axeitada, igual que as tan controvertidas redes sociais). Phineas e Ferb é das miñas series actuais favoritas por moitos motivos.
Os dous irmáns son tremendamente creativos, cada capítulo incorpora polo menos unha canción de calidade máis que aceptable en moitos casos, o pobre Dr Doofenshmirtz e os seus inventos malévolos (con nomes rematados en “ator”) son sempre derrotados polo axente P, un ornitorrinco de apariencia inofensiva de nome Perry e por último, Candace, esa irmá maior que tenta unha e outra vez, con pouco éxito, que pillen a Phineas e Ferb facendo das súas.
Tomando medidas I: os manuais dos Jóvenes Castores
Seguro que moitos de vós lembraredes os manuais dos Jóvenes Castores, unha colección de libros inesquecible para todos os nados nos anos 60 e 70. Habíaos de temática xeral, onde podías aprender a arranxar un libro vello, agochar segredos con zum
e de limón ou escribir mensaxes indescifrables. Tamén había números especiais adicados a un único tema. Aí estaba o Manual de Patomas, de trucos de maxia, o da Abuela Pata, cunha chea de receitas de cociña e por suposto, o Manual de Tarconi, o especial adicado aos inventos.
Lembro un dos artigos que lin de pequena onde se afirmaba o útil que pode resultar coñecer determinadas medidas do teu corpo. Que distancia hai do pulso ao cóbado ou canto mide a nosa cuarta é información que nos pode sacar dun apuro para estimar o tamaño de obxectos nunha tenda, por exemplo.
Sempre me sorprendo cando lles pido aos meus alumnos que me digan canto mide un boli dos que usan todos os días. A primeira resposta é un “non sei”. Eu tamén lles respondo sempre o mesmo, se estará máis perto de 5 cm ou de 80 cm 🙂
Un pode non ter instrumentos de medida para realizar unha medición precisa, pero ten que ser capaz de realizar estimacións co que ten a man, sen ir máis lonxe, coa súa man. A miña mide 18 cm de polgar a maimiño. E a túa?
Ah, lembrade tamén que un paso amplo dunha persoa de estatura media mide arredor de 1 m.
A chuvia de estrelas das Perseidas
A interesantísima colaboración de hoxe é un luxo. Vén asinada por Salva Bará, profesor do departamento de Física Aplicada da USC e responsable da iniciativa Astronomía na beirarrúa (podedes seguilos en Facebook). Moitísimas grazas!!!
Se mirades o ceo estas noites seguramente veredes unha chea de estrelas fugaces (ou meteoros, que tamén se chaman así). É a chuvia de estrelas das Perseidas, ou “Bágoas de San Lourenzo”. As mellores noites son as do 12 e 13 de agosto. Non necesitas ningún aparello especial para velas. Ponte roupa de abrigo, bótate nunha tumbona e desfruta vendo o ceo de verán. E cando menos o esperes… zas! Algo semellante a unha estrela aparece de súpeto, móvese rapidamente polo ceo e desaparece. Hai quen di que se pode pedir un desexo e que seguramente se cumpre. Non todo o mundo cre niso, pero o que sí sabemos é que en realidade non son estrelas. Son pedriñas, chamadas meteoroides, a maioría delas do tamaño dun grao de arroz ou de millo, que andan polo espazo e entran na atmósfera da Terra con velocidades incriblemente grandes: uns 60 quilómetros por segundo. Si, por segundo! Iso veñen sendo máis de 200.000 quilómetros por hora! Ao rozar co aire a tan grande velocidade os meteoroides quecen, póñense incandescentes e emiten luz: así se forma unha estrela fugaz.
Vídeo das Perseidas (Nota da editora: agora mesmo hai problemas para incrustar vídeos de YouTube e tamén para facelo desde a biblioteca de medios en diferentes formatos, así que vos deixo unha ligazón).
A maioría delas desfanse pronto, despois de percorrer un anaco de ceo. Porén, hainas que brillan máis do normal e deixan no aire unha estela que permanece un tempo. E algunhas son dun tamaño máis grande, brillan moito, deixan unha grande estela e mesmo poden facer un son como de treboada: esas chámanse bólidos. Os anacos dun bólido poden chegar a caer ao chan: son os meteoritos, pedras interesantísimas porque son minerais que veñen directamente do espazo exterior. Os meteoritos axúdannos a coñecer mellor como se formou o Sistema Solar, incluíndo a Terra e nós mesmos. Se atopas algún, avísanos!
Para saber máis:
http://www.spmn.uji.es/ESP/presentacion.html
http://www.spmn.uji.es/ESP/activ1.html
Liñas rectas sen regras
A través de cousas d’paco souben deste dispositivo que permite trazar liñas rectas sen necesidade de empregar unha regra. Ademais, o display indícanos a lonxitude da liña trazada. Apetecible, eh?
Vídeos educativos procedentes de YouTube
Miña irmá faime chegar esta interesante ligazón. En Utubersidad atoparedes unha magnífica selección de vídeos educativos procedentes de YouTube e clasificados por materias.
O da mazá ou o da lingua?
Comentando nunha entrada do sempre interesante amazings, lembraba hai pouco unha conversa que escoitei hai uns anos entre dous alumnos, cando un lle preguntaba ao outro se Einstein era “o da mazá ou o da lingua”. Naquel momento botei as mans á cabeza e cun sorriso case involuntario pensei no pobre don Alberte recordado como “o da lingua”, aínda que logo de ter lido bastante (nunca suficiente) sobre el, creo que mesmo lle faría certa gracia. De feito, gústame ese punto de vista que sempre deixa espazo para un elaborado sentido do humor.
En Sobre a Teoría da Relatividade Especial e Xeral, Einstein refírese á súa obra no prólogo como “un libriño” e insiste en que en ningún momento perseguiu a “elegancia expositiva” porque opinaba igual que Boltzmann, quen dixera que “debería deixarse a elegancia para xastres e zapateiros”.
Pólvora e fogos artificiais
De acordo coa Historia e Cronoloxía da Ciencia e os Descubrimentos de Isaac Asimov, parece que os chineses inventaron a pólvora en torno ao ano 250. Entón, igual que agora, tiña diferentes usos entre os que por suposto se atopaba a pirotecnia.
Non é que eu sexa especialmente afeccionada aos fogos artificiais, pero esta ocasión é única cada ano. Todos os campistas baixamos á praia perto da medianoite e observamos coa boca aberta como as luces inundan o ceo deixando o seu reflexo no mar.
Vale, vale, xa sei que a foto está inclinada pero probade a sacar unha foto así cun móbil sostido na man, sen posibilidade de apoialo en ningures e con xente por todas partes 🙂





