Primeiras probas cos foguetes de auga

Vídeo que documenta as primeiras probas cos foguetes de auga. Como o tempo non se prestaba moito, fixémolas dentro do taller e sen agua, claro. Cada quen puido afacerse á tarefa que terá que realizar o día do lanzamento, e de paso aproveitamos para probar varios materiais nos que cravar a agulla da bomba de aire.

Se queredes ver un par de vídeos máis, visitade a canle de YouTube do blog. Nun deles a presión foi insuficiente polo que o voo foi moi curto. No outro, fixemos un lanzamento vertical no exterior aproveitando un momento no que non chovía, pero si facía bastante vento. Todos eles foron soamente con aire a presión. Os lanzamentos con auga e con cámara de vídeo incorporada no foguete, serán a semana que vén.

Non tiredes nada!!!

O cargador dun móbil vello é unha fonte de tensión, o pau dun chupa pódese utilizar para conectar unha engrenaxe co eixo dun motor, o taṕon dunha botella de leite pode ser unha boa roda e o vaso de vidro dun iogur pode empregarse para construír unha lámpada de incandescencia.

Para que os alumnos saiban que todo o material do taller se reutiliza, o último que facemos cando o curso está para rematar é desmontar os proxectos con eles para recuperar todos os compoñentes. Sempre gardamos proxecto algún para amosallelo aos alumnos dos cursos seguintes, pero a filosofía do taller de Tecno é reutilizar.compoñentes

Este curso pasado foi complicado no departamento e Xuño chegou “antes do que agardabamos” polo que non puidemos facer este exercicio cos alumnos.

Hoxe comecei a desmontar proxectos e este era o aspecto que tiña unha das mesas do taller nun momento. E podo asegurarvos que é só unha pequena parte! Ademais, logo de desmontar vén o de clasificar para poñer cada cousa no seu sitio.

Non pensedes que me queixo, pásoo xenial cun desaparafusador na man 🙂

Os vagalumes e a contaminación lumínica

Como cada verán veño cos meus fillos ao mesmo cámping ao que viña de nena cos meus pais (xa hai uns trinta anos diso). Lembro que cada noite nos xuntabamos toda a rapazada do mesmo tempo (anos arriba-abaixo) e xogabamos ás  agachadas por todo o cámping. Era moi habitual compartir escondite con todo tipo de bichos e os vagalumes eran dos máis celebrados.

Hai moitos anos que deixei de velos e onte un bo amigo comentaba que a contaminación lumínica é en parte responsable da súa desaparición en moitos lugares. Parece ser que a iluminación artificial non deixa que se atopen na escuridade da noite e se reproduzan. Que pena, verdade?

vagalume

Construír un aeroxerador

Xa hai tanto tempo que teño gardado este documento para escribir unha entrada, que me temo que a ligazón á páxina orixinal xa non funciona 😦

Queredes construír un aeroxerador empregando fundamentalmente papel? Animádevos, sacádelle unha foto ou un vídeo e enviádemo! Descargade aquí as instrucións.

aeroxerador

Carga o teu móbil sen cargador

A inexcusable falta de compatibilidade entre diferentes marcas de teléfonos móbiles, fai que cada vez que cambiamos de aparato sexa preciso renovar tamén o cargador. Esta situación pode cambiar con propostas tan interesantes coma o Duracell MyGrid, capaz de cargar ate catro dispositivos ao mesmo tempo sen necesidade de conexión cableada e válido para todo tipo de móbiles e gadgets en xeral. Haberá que probalo!

Duracell MyGrid

Aproveito para lembrarvos que o material de refugallo é sempre benvido no taller 1 de Pastoriza, onde temos unha boa colección de cargadores de móbiles doados polos alumnos, que re-utilizamos como fontes de tensión.

Visto en Ya está el listo que todo lo sabe

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos