Proxecto de 2º ESO: Estantería de Ikea

É importante recordar que o proxecto da primeira avaliación de 2º da ESO é o primeiro que realiza o alumnado, e por iso é preferible que se trate dunha proposta bastante pechada na que se traballa sobre un deseño dado.

Partimos do suposto de que a empresa Ikea desexa ampliar o seu departamento de deseño, e vai realizar a contratación en base a un proceso selectivo. A primeira proba deste proceso será a realización dunha proposta para o frontal dunha estantería.

Cada grupo debe deseñar un frontal que pode conter diferentes elementos como portas ou caixóns, planificar o traballo de construción, e finalmente realizar o prototipo a escala. Para todo iso, o alumnado conta cunha documentación moi completa que incorpora a imaxe dun prototipo realizado en cartón e que contén os nomes das diferentes pezas, un plano, un exercicio para practicar escalas, a folla de proceso para a construción, e a rúbrica que empregarei para avaliar o seu traballo.

Ao final da avaliación, o alumnado terá aprendido a:

  • Estruturar un proxecto nas súas fases: observar, deseñar, construír e avaliar.
  • Interpretar unha representación por vistas.
  • Manexar escalas.
  • Deseñar diferentes elementos dun proxecto.
  • Planificar a construción a través dunha folla de proceso.
  • Consultar unha rúbrica.
  • Traballar en grupo facendo propostas e tomando decisións.
  • Utilizar documentos de drive compartidos.

Proxectos finais

Chegamos á terceira avaliación e agora é o momento de que o alumnado aplique os coñecementos adquiridos no deseño e realización dun proxecto propio.

Cada grupo debe investigar e decidir que quere construír como proxecto de fin de curso, respectando sempre unha serie de requirimentos. Unha vez tomada a decisión, deben presentarme a idea e discutila comigo para obter a aprobación do proxecto. Nalgunhas ocasións a proposta pode non resultar adecuada por diferentes motivos, e nese caso, o grupo debe realizar modificacións ou presentar unha nova proposta.

Cando o proxecto é aprobado, desenvolven a súa idea en planos, solicitan o material necesario, e comezan a construír.

2º da ESO

Deben incorporar un circuíto eléctrico e non sobrepasar as dimensións dunha caixa de proxectos. Algúns dos proxectos en fase de execución son:

  • Sen inversión de xiro: unha avioneta con dúas hélices e luz, unha nora, un muíño con luz, unha lancha propulsada por dous motores, a ruleta da fortuna, un tiovivo,…
  • Con inversión de xiro: unha porta corredeira, unha porta de garaxe enrolable, un ascensor, unha ponte levadiza,…

3º da ESO

Deben incorporar o control de dispositivos cunha placa de arduino e non sobrepasar as dimensións dunha caixa de proxectos. Algúns dos proxectos en fase de execución son:

  • Semáforo para peóns que mostra a conta atrás nun display de 7 segementos para indicar o tempo que resta en verde
  • Dado electrónico que mostra a tirada nun display de 7 segmentos
  • Xogo con dobre botón no que gaña o xogador que pulsa primeiro, e o resultado é mostrado nun display de 7 segementos
  • Refuxio antiaéreo no que se mostran diferentes mensaxes nunha pantalla LCD e ademais incorpora luces e un sinal de alarma
  • Secador de unllas funcional que recicla o ventilador dun ordenador

4º da ESO

Deben incorporar o control de dispositivos cunha placa de arduino e/ou actuadores hidráulicos. Estes proxectos poden exceder as dimensións dunha caixa de proxectos se é necesario. Algúns dos proxectos en fase de execución son:

  • Foguete con movemento hidráulico que mostra a secuencia de despegue a través dunha pantalla LCD
  • Ascensor hidráulico con indicador de piso a través dun display de 7 segmentos
  • Autolavado con porta hidráulica que mostra diferentes mensaxes nunha pantalla LCD
  • Boneco con articulacións hidráulicas

Seguirei informando acerca dos 33 proxectos que xa están en marcha!!!

Kahoot de mecanismos

Antes de realizar o exame de cada unidade, adicamos unha sesión a repasar os contidos con kahoot. Os diagramas de barras coas respostas a cada unha das preguntas proporcionan información acerca do nivel de comprensión do alumnado, permitindo incidir nos contidos cando é necesario.

Fai clic aquí para acceder ao kahoot de mecanismos.

Día da Muller e a Nena na Ciencia

A imaxe inmortaliza os asistentes ao Congreso Solvay de 1927, probablemente a fotografía máis famosa da historia da Ciencia. Einstein, Schrödinger, Dirac, Bohr, Pauli, Heisenberg, Lorentz, Bragg, de Broglie,… todos eses nomes que nos ocompañaron durante anos e anos de estudo, están presentes. Outro feito é salientable ao lado da notoriedade dos participantes: a case nula cota feminina, representada en exclusiva por Maria Sklodowska, quen escolleu o nome do seu home para asinar a súa investigación como Marie Curie.

A día de hoxe todavía é necesario fixar unha data no almanaque, o 11 de febreiro, para recordarmos que as mulleres temos un papel relevante e imprescindible no desenvolvemento da Ciencia e da Tecnoloxía.

Figuras como Rosalind Franklin, Maria Sklodowska-Curie ou Ada Lovelace constitúen a proba de que é posible saír adiante, mesmo cando as condicións son tremendamente desfavorables. Pero as nenas de hoxe precisan de referencias actuais, e iso é responsabilidade das mulleres de hoxe.

Queremos que as nosas alumnas sexan enxeñeiras, arquitectas, físicas, informáticas, matemáticas, químicas ou biólogas, se así o desexan.  De nós depende fornecer o apoio necesario para que teñan a oportunidade de desenvolver todo o seu potencial en disciplinas STEM, e que chegue o momento no que o 11 de febreiro sexa simplemente o día que vén tras o 10 de febreiro.

Tipos de estruturas

Antes de termos o exame de estruturas, o alumnado realizou varias actividades dentro de Classroom. Unha delas tiña como obxectivo coñecer os diferentes tipos de estruturas artificiais. Para iso, proporcionei ao alumnado unha característica identificadora de cada tipo de estrutura, e pedín que buscaran imaxes de cada unha delas para elaborar pósters.

A tarefa foi realizada sobre documentos de Drive e entregada para a súa corrección e calificación a través de Classroom. Desta maneira puiden corrixir cada un dos traballos de forma individual, resolver dúbidas e indicar as correccións necesarias en cada caso.

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos