OSHW 2017

Vai quedando menos para o OSHWDem 2017, o evento maker que terá lugar o 11 de novembro na Domus (Coruña). Non podes perdelo!!!

Fai clic na imaxe se queres coñecer a este polbo…

Prácticas con ferramentas 2017

Esta semana comezamos as prácticas con ferramentas en 2º da ESO. Coa proposta para este curso, o alumnado manexará as seguintes ferramentas: regra, escuadro, cinta métrica, lima, escofina, barrena, serra, segueta, coitela, pistola termoencoladora, sarxento, mordaza e alicates de corte.

Trátase de realizar unha primeira toma de contacto coas ferramentas de uso habitual, utilizándoas con papel, cartón e madeira. Ademais, obteremos diferentes estruturas que empregaremos para realizar ensaios de resistencia.

Serán necesarias entre catro e cinco sesións, e o alumnado poderá comprobar o importante que é a planificación e a organización do traballo no taller.

Resumo da programación

Comparto tamén un resumo da miña programación que recolle nunha única táboa para cada bloque de contidos e curso, os seguintes elementos: contidos, estándares de aprendizaxe, temporización, grao mínimo de consecución, procedementos e instrumentos de avaliación, e indicadores de logro.

A idea é ter un documento manexable para consultar durante a programación de aula.

Escribepuerto 888 35

Tede coidado, se practicades a arqueoloxía acaban aparecendo vellos tesouros que che lembran cantísimos anos levas xa dando clase. Estaba de cacharreo no taller cando atopei unha caixa co rótulo CABLE PARALELO e lembrei eses primeiros anos nos que faciamos control de dispositivos programando directamente o porto paralelo, sen controladora.

Dende o contorno de programación MSWLogo, era posible activar e desactivar 8 pines de datos e con iso, os actuadores conectados a eles. Normalmente entregaba a cada grupo un cable paralelo sen conector nun dos extremos, polo que a primeiro que tiñan que facer era identificar cada un dos cables realizando unha proba de continuidade co polímetro.

A imaxe é dun proxecto do curso 2005-06, a primeira vez que tiven a oportunidade de dar clase en 4º de ESO.

Control programado con MSWinLogo

LCD + arduino con mBlock

Esta entrada parte do magnífico, interesante e orixinal traballo de Dani Sanz (gracias por compartir!!!) e en particular, do reto #11 .

O control dunha pantalla LCD con arduino é unha tarefa sinxela que pode facerse dende o IDE empregando as librarías adecuadas. Agora tamén é posible controlala dende mBlock, o entorno de programación baseado en Scratch que MakeBlock desenvolveu para os seus robots.

Se queres ter unha descrición de todo o proceso coa explicación detallada de cada paso, podes consultar a entrada que escribín no foro de MakeBlock. Aquí farei unha versión simplificada.

O primeiro que terás que facer será descargar a extensión correspondente. A miña recomendación é que non uses LCD with I2C interface, dispoñible no administrador de extensións de mBlock, senón que descargues NewLiquidCrystal_1.3.4 dende GitHub. Esta librería vaiche ofrecer 8 direccións para o I2C fronte ás 3 que permite a primeira (NOTA: se non sabes que dirección emprega o teu módulo I2C, podes determinala co programa I2C_scan).

Abre mBlock, menú Extensiones-Administrar Extensiones e fai clic en Añadir Extensión. Ábrese unha ventá como a da imaxe e tes que seleccionar zip file para engadir o arquivo que acabas de descargar.

Cando fas clic en Abrir para engadir a extensión, ábrese o navegador cunha pestana para informar dunha incidencia. Péchaa e engade novamente a extensión se é necesario.

As extensións engadidas non aparecen inmediatamente na ventá Administrar Extensiones, senón que é preciso agardar un pouco e mesmo pechar a ventá e abrila de novo. A extensión que estamos buscando é LCD I2C Pack. Terás que seleccionala e facer clic en Bajar. Na imaxe aparece xa instalada no meu equipo.

Podes comprobar se xa a tes instalada porque a extensión aparece na área de programas de mBlock. Neste caso aparece o círculo en vermello porque non teño conectada ningunha placa.

Tamén podes verificar que a extensión está instalada indo a:
C:Userso_teu_usuarioAppDataRoamingcom.makeblock.Scratch3.4.10Local StoremBlocklibraries

e vendo que tes unha carpeta co nome LCD I2C Pack.

Abre a carpeta C:Program Files (x86)mBlockArduinohardwarearduinoavrlibraries e comproba se existe unha carpeta dentro dela co nome NewliquidCrystal. Se non é así, descomprime o arquivo NewliquidCrystal_1.3.4-master.zip que descargaches ao comezo, abre a carpeta NewliquidCrystal_1.3.4-master e copia a carpeta NewliquidCrystal que encontrarás dentro dela. Para finalizar, pégaa en C:Program Files (x86)mBlockArduinohardwarearduinoavrlibraries

Agora xa podes controlar unha pantalla LCD co teu arduino programando dende mBlock.

Poñendo a punto o taller

Gústame aproveitar estes primeiros días de setembro, cando as clases aínda non comezaron, para cacharrear e poñer a punto o taller. Unha das tarefas que realizo cada ano é desmontar os proxectos de todo o curso para recuperar os compoñentes e clasificalos a continuación.

No meu departamento pensamos que a materia de tecnoloxía debe desenvolverse a custe cero para as familias, e por iso, todo o material que precisa o alumnado para a realización de cada proxecto ou práctica, se atopa dentro do taller. O departamento merca a madeira, a termocola, os motores, os compoñentes electrónicos, as placas de montaxe, as pinturas,… Para facelo sostible, cada ano desmontamos a maioría dos proxectos e recuperamos os seus elementos para usalos de novo.

Sempre hai un pequeno número de proxectos que se incorpora á exposición permanente que temos no taller, nun estante que percorre a parede máis longa da aula e que se atopa a un par de metros do chan. Cando o alumnado entra por primeira vez ao taller, pode ver e manipular os traballos que se realizaron nos cursos anteriores. Esa información tamén está accesible a través do vídeo que recolle a exposición de xuño e que publico cada ano na fin de curso.

Cartas ás familias

Hai uns anos que collin prestada unha idea estupenda da miña amiga Loli: comezar o curso escribíndolles unha carta ás familias do meu alumnado. Nela preséntome, comunícolles cal é o meu día de atención ás familias, indícolles onde poden consultar a programación completa, e fágolles un breve resumo cos aspectos máis importantes.

Adoito entregarlle a carta ao alumnado na primeira sesión que teño con cada grupo, logo de contarlles todo o que faremos durante o curso. Explícolles que ao final da mesma hai un resgardo no que as persoas responsables deles poden asinar para facer constar que recibiron a información. Tamén lles conto que é a súa primeira oportunidade para puntuar en Tecnoloxía, pois se entregan o resgardo no prazo máximo dunha semana, reciben unha bonificación no apartado de positivos.

Sempre lles comento que probablemente lles pareza pouco importante nese momento, pero que todo suma, e que cando chegue decembro, pode ser a diferenza entre un 8 e un 9. O meu comentario resulta suficientemente motivador como para que ninguén se olvide do resgardo. wink

Repasamos con Kahoot

Para determinar que aprendeu o noso alumnado ao remate dunha unidade, realizamos diferentes probas. Utiliza Kahoot para repasar os contidos dunha forma máis amena e interactiva!

Nesta plataforma podemos crear baterías de preguntas con resposta múltiple incorporando (ou non) unha imaxe para cada unha das cuestións. Os diferentes parámetros permiten barallar as preguntas e as respostas, establecer o tempo para cada unha das entradas ou dar puntos extra por unha tanda de acertos, entre outras opcións. Tras cada pregunta, o alumnado pode ver a táboa coas puntuacións máis altas.

Cando uso Kahoot para repasar, o alumnado xoga de forma individual (se non tes ordenadores para todos, podes facer equipos) e a puntuación obtida ao final do repaso queda rexistrada para ser sumada á nota do exame.

As porcentaxes de acertos en cada unha das respostas (a folla de cálculo co rexistro da partida é utilísima!!!) indícanme cando debo incidir en aspectos que non están suficientemente claros, pero é importante que esas explicacións entre preguntas non rompan a dinámica do xogo, polo que deben ser breves. Para asegurar este punto, decidín introducir unha regra que xa asumimos como parte do xogo: o alumnado que se despista durante ás aclaracións dunha pregunta, perde turno na seguinte cuestión 🙂

Todo un curso por diante

Sabemos que setembro está ao caer porque os grupos de whatsapp que temos cos colegas comezan a encherse de memes sobre a volta ao cole… e toooodo o que iso supón. Que tal se animamos o regreso aos centros introducindo cambios? Pensa nesas ideas que sempre quixeches poñer en práctica na túa aula. Se cadra acaban sendo o punto de partida de melloras de maior alcance.

Podes comezar modificando o contorno de traballo e facendo que sexa máis agradable para o alumnado e para ti: cambia a disposición das mesas, organiza os bancos de traballo de maneira diferente, introduce pequenos elementos como superficies adhesivas sobre as que escribir de maneira informal (ti e o alumnado), prepara material de uso común como papel de segundo uso ou unha caixa con lapis,… E non tentes facelo todo na primeira semana, porque ademais a opinión do teu alumnado é clave para construírdes xuntos o lugar de traballo que queredes.

No relativo á didáctica, non é necesario que introduzas novos elementos en toda unha unidade. Podes facer probas con contidos concretos e comprobar que tal funcionan. En xeral, a recomendación é ir sempre de menos a máis… porque temos todo un curso por diante!

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos