En defensa do ensino público, hoxe en folga!!!
Reflexións sobre o MUNCYT
Hai poucas semanas que visitei o MUNCYT de Coruña por primeira vez acompañando a un grupo de alumnxs de 4º de ESO nunha actividade organizada conxuntamente polos departamentos de Ciencias Naturais, Física e Química e Tecnoloxía. Onte volvín de novo e nesta ocasión fíxeno coa familia.
Visitar os lugares por segunda vez proporciona a oportunidade de prestar máis atención a aquelas cousas que pasaron desapercibidas na primeira visita e incluso permite dispor do tempo necesario entre unha e outra para reflexionar.
Gústame o edificio do MUNCYT. A sensación de amplitude e a separación entre os diferentes espazos fan do museo un lugar acolledor e desfogado. Desfrutei con moitas das pezas alí expostas: as lentes de Fresnel do faro, a máquina Enigma ou o precioso proxector do Cine París (cantos recordos) xa están gardados na miña caixa de tesouros en forma de fotos.
Con todo, nesta segunda vez fun máis consciente de todo o que falta. Parece inexplicable que non existan pequenas exposicións adicadas, por exemplo, á evolución da telefonía ou dos soportes de almacenaxe da información. Pequenas liñas temporais que permitan a aqueles que non foron usuarios, saber que houbo un tempo no que os teléfonos non se levaban no bolso ou no que as aplicacións podían instalarse introducindo, un tras outro, dez disquetes de 3 1/2.
A evolución de obxectos tecnolóxicos relacionados con actividades básicas como a agricultura ou a pesca tampouco está recollida (salvo a excepción da completa colección de martelos) e poderían ser temas interesantes para encher todo o espazo que aínda está dispoñible nas paredes e nas salas do MUNCYT.
Como curiosidade non quedo coa visita ao interior do 747 senón coas máquinas de escribir das que meus fillos quedaron prendados. Os tres saíron do museo cun papel escrito por eles que pertence xa a súa caixa de tesouros.
Visita moi recomendable.
Un blog para recomendar
Blog para recomendar e para engadir á categoría de Gústame 🙂
Si á Tecnoloxía
O actual anteproxecto de lei orgánica para a mellora da calidade educativa (LOMCE) pretende minimizar, case eliminar a presenza da tecnoloxía tanto na secundaria obrigatoria coma no bacharelato.
Dende a plataforma estatal de asociacións do profesorado de tecnoloxía (PEAPT) hai en marcha unha recollida de sinaturas. Se queres asinar para dar o teu apoio, podes facelo dende aquí.

Todo o que sempre quixeches preguntar sobre astronomía
Aprende a ollar o ceo con telescopio, prismáticos ou a simple vista, practica a astrofotografía, atopa recursos e ligazóns de interese,… Visita Astronomía Básica!!!
Globe at Night en galego
O Mundo á Noite, a última fase da campaña de Globe at Night xa está en marcha e durará ate o 20 de Abril. Só tes que obervar a constelación de Leo a simple vista e comparar as túas observacións cos mapas estelares que atoparás na web desta iniciativa (este ano, por primeira vez en galego!): O Mundo á Noite.
Anímate a participar, pon o teu punto no mapa!
Symbaloo
Queres organizar e compartir recursos dunha maneira diferente? Visita El Blog de TotemGuard e descubre Symbaloo.





