Vía tecnoloxía da ESO, leo que o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) organiza un concurso para escolares no que poden participar entre outros, os alumnos de 2º ciclo da ESO.
Proxecto Acer-European Schoolnet

O curso pasado o IES de Pastoriza foi seleccionado para participar no proxecto ACER-EUN cun grupo de 1º de ESO. No presente curso participaremos cos catro grupos de 2º de ESO e eu incorpórome (a través da asignatura de Tecnoloxías) a esta iniciativa tan interesante que pretende explorar o uso educativo do ultraportátil nas aulas.
Proxecto: Xogo de preguntas e respostas
Esta semana os alumnos de 2ºC comezarán o proxecto desta avaliación. Trátase dun xogo de preguntas e respostas no que se acende unha bombilla cando unhas e outras son unidas correctamente. Como sempre, trátase dun proxecto guiado, bastante pechado por ser o primeiro que realizan e neste caso, bastante simplificado.
Pretendemos que aprendan a manexar ferramentas básicas para o traballo con madeira, a implementar circuítos eléctricos sinxelos e a organizar un pequeno grupo de traballo (quen fai que e cando).
Descargar o cuestionario.
Día da Ciencia en Galego
Hoxe é 4 de Novembro, Día da Ciencia en Galego!
Todos os que facemos garda de recreo no patio sabemos que moitos dos días vai tanto vento, que mesmo parece que nos levará a nós. Pero hoxe non se movía nada… nada salvo nós, alumnos e profesores, tentando facer voar os papaventos 🙂
As cousas non saíron como agardabamos pero igualmente foi unha xornada estupenda, como sucede moitas veces cando facemos Ciencia 🙂
Seguindo a idea proposta por María Loureiro dende tecnoloxia.org, fixemos unha recompilación de termos que empregamos diariamente no Ámbito Científico-Técnico e pegámolos por toda a aula… e tamén fóra!
Lúa, traxectoria, desenvolvemento sostible, forza, expoñente, movemento, números enteiros, estrela, ecoloxía, probabilidade, xenética, tempo,… son palabras útiles e fermosas.
Minipráctica: A pistola termoencoladora
Algunhas das ferramentas que empregamos no taller de tecnoloxía precisan da obtención dun carné para a súa utilización. En 2º os alumnos deben examinarse da pistola termoencoladora antes de utilizala realizando esta minipráctica.
Unha visita polo taller de Tecno
Apetécevos unha visita polo taller de tecnoloxía?
Cada clase está dividida en grupos, e cada grupo dispón dun espazo para traballar nas clases de teoría, dun panel de ferramentas do que é responsable e dunha caixa para gardar o seu proxecto. Ademais contamos con mesas e bancos de traballo, ferramentas de uso común,… Proximamente, os paneis rosa e branco.
Test online
Testmoz é unha ferramenta que permite elaborar un test online, asocialo automaticamente a unha URL e mesmo protexelo cun código de acceso para que os nosos alumnos non entren antes de tempo 🙂
Ademais, cada persoa que realiza o test debe identificarse cun nome de usuario e o autor do test ten acceso á puntuación de cada usuario, data e tempo de realización,…
Visto en Free Technology for Teachers.
O proceso tecnolóxico: táboa de snowboard
Hoxe estivemos vendo un vídeo sobre o proceso que se segue para fabricar unha táboa de snowboard. Este e outros vídeos podedes atopalos facendo clic aquí. E aproveito tamén para colgar o cuestionario co que estivemos traballando a continuación.
Photo credit: lightbox from morguefile.com
O plan de traballo desenvolveuse nunha sesión:
- Os alumnos ven o vídeo do proceso de fabricación
- Entrego un cuestionario a cada grupo para que lean as preguntas e distribúan a recollida de información para dar resposta a todas as preguntas do cuestionario.
- Os alumnos ven o vídeo por segunda vez tomando notas nos seus cadernos.
- Coa información recollida cada grupo responde as preguntas do cuestionario.
Efectos encadeados e Phineas e Ferb
Nos primeiros tempos da materia de Tecnoloxía estiveron moi de moda as máquinas de efectos encadeados. Eu mesma, por exemplo, dirixín un proxecto destas características no meu primeiro ano como profe.
Calquera pode facer unha e o mellor de todo é que non precisades material especial, senón botar man de obxectos que temos todos na casa. Por casualidade cheguei a esta páxina onde Phineas e Ferb organizan un concurso chamado Reacción en Cadea. Eu anímovos, non a que participedes, senón a que gravedes os vosos propios vídeos de efectos encadeados co móbil e mos enviedes para publicar no blog e na canle de YouTube.
Anímase alguén???
Obxectos tecnolóxicos/obxectos non tecnolóxicos
Hai unha actividade que fago cada ano cos alumnos de 2º da ESO (que teñen por primeira vez Tecnoloxía). Antes de falar do que é a tecnoloxía, entrégolle a cada un unha tarxeta co nome dun obxecto de uso cotián. Cada un ten que decidir se o coloca na columna dos obxectos tecnolóxicos ou dos non tecnolóxicos e cando rematamos a clasificación eu indícolles o número de erros que hai en cada columna. Cada alumno entón ten a súa quenda para facer un cambio e eu vou dando sempre o número de erros. O xogo continúa ate que a clasificación é correcta e entón facemos análise do que teñen en común os obxectos da mesma columna.
Para eles é moi difícil identificar un lapis ou un anaco de cartón como obxectos tecnolóxicos porque sempre pensan en termos de obxectos complexos e normalmente eléctricos ou electrónicos. Ao final damos unha definición de Tecnoloxía en base a todas as ideas que xurden durante a discusión.
A parte máis divertida é sen dúbida na que teñen que facer cambios, porque na primeira volta todos están de acordo en que unhas gafas non son un obxecto tecnolóxico 🙂
Anímovos a probar nas vosas aulas!



