Deixo unha recompilación de planos de vivendas para que o alumnado poida practicar o deseño das diferentes instalacións.
Kahoot de mecanismos
Antes de realizar o exame de cada unidade, adicamos unha sesión a repasar os contidos con kahoot. Os diagramas de barras coas respostas a cada unha das preguntas proporcionan información acerca do nivel de comprensión do alumnado, permitindo incidir nos contidos cando é necesario.
Fai clic aquí para acceder ao kahoot de mecanismos.
Soportes para pezas pintadas
Unha idea simple para poñer a secar as pezas pintadas optimizando o espazo que temos no taller. Podes poñer xornais vellos debaixo e escribir sobre eles para identificar a que grupo pertence cada unha das pezas.
Día da Muller e a Nena na Ciencia
A imaxe inmortaliza os asistentes ao Congreso Solvay de 1927, probablemente a fotografía máis famosa da historia da Ciencia. Einstein, Schrödinger, Dirac, Bohr, Pauli, Heisenberg, Lorentz, Bragg, de Broglie,… todos eses nomes que nos ocompañaron durante anos e anos de estudo, están presentes. Outro feito é salientable ao lado da notoriedade dos participantes: a case nula cota feminina, representada en exclusiva por Maria Sklodowska, quen escolleu o nome do seu home para asinar a súa investigación como Marie Curie.
A día de hoxe todavía é necesario fixar unha data no almanaque, o 11 de febreiro, para recordarmos que as mulleres temos un papel relevante e imprescindible no desenvolvemento da Ciencia e da Tecnoloxía.
Figuras como Rosalind Franklin, Maria Sklodowska-Curie ou Ada Lovelace constitúen a proba de que é posible saír adiante, mesmo cando as condicións son tremendamente desfavorables. Pero as nenas de hoxe precisan de referencias actuais, e iso é responsabilidade das mulleres de hoxe.
Queremos que as nosas alumnas sexan enxeñeiras, arquitectas, físicas, informáticas, matemáticas, químicas ou biólogas, se así o desexan. De nós depende fornecer o apoio necesario para que teñan a oportunidade de desenvolver todo o seu potencial en disciplinas STEM, e que chegue o momento no que o 11 de febreiro sexa simplemente o día que vén tras o 10 de febreiro.
Scratch
O alumnado de 2º da ESO está aprendendo a programar con Scratch, tomando como eixe argumental os videoxogos.
Comezamos programando todos un mesmo videoxogo inspirado no clásico Arkanoid.
Aínda que é moi básico, serve para introducir e explicar moitos elementos:
- Obxectos e disfraces
- Fondos
- Control do protagonista a través do teclado
- Movemento autónomo de obxectos
- Interacción entre obxectos
- Direccións de movemento
- Variables e a súa utilización
- Marcadores
- Xogabilidade
- …
Cando rematamos co xogo base, propóñolles que realicen diferentes melloras:
- Introdución de sons ao ter lugar determinadas accións
- Cambios de disfrace nos obxectos como consecuencia de eventos
- Incorporación de novos obxectos que engaden elementos ao xogo (por exemplo, obxectos que aumentan/diminúen a puntuación)
- …
Por último, o alumnado terá que deseñar e programar o seu propio videoxogo a partir de todo o aprendido. Todos eles deben incorporar un elemento común que cada programador empregará como desexe. Nesta ocasión, trátase dun tiburón.
IV Competición de Robots da EEI
Xa está aberto o prazo de inscrición para a IV Competición de Robots da EEI de Vigo.
Fai clic aquí para acceder a toda a información. Vémonos!!!
Plataforma con whegs
En 3º da ESO só temos dúas horas semanais de Tecnoloxía, e iso implica que os proxectos que o alumnado realiza en cada avaliación deben ser máis simples que os de 2º da ESO, polo menos dende o punto de vista construtivo.
Nesta primeira avaliación, adicamos 10 das 24 horas de 3º da ESO á realización de prácticas e un proxecto. A maioría dos grupos optou por deseños que non se desenvolveran en anos anteriores, e un dos grupos decidiu facer unha versión mellorada do vehículo todoterreo do curso pasado.
Nesta ocasión, as whegs están realizadas coa impresora 3D que recibimos recentemente. Se estás interesad@ en descargar o deseño, podes facer clic aquí.
Tipos de estruturas
Antes de termos o exame de estruturas, o alumnado realizou varias actividades dentro de Classroom. Unha delas tiña como obxectivo coñecer os diferentes tipos de estruturas artificiais. Para iso, proporcionei ao alumnado unha característica identificadora de cada tipo de estrutura, e pedín que buscaran imaxes de cada unha delas para elaborar pósters.
A tarefa foi realizada sobre documentos de Drive e entregada para a súa corrección e calificación a través de Classroom. Desta maneira puiden corrixir cada un dos traballos de forma individual, resolver dúbidas e indicar as correccións necesarias en cada caso.
Kahoot de estruturas
Deixo o kahoot que xogamos en 2º da ESO para repasar antes do exame da unidade.
Impresora Legio
O meu centro foi dos que non recibiu a segunda fase da dotación STEM que enviou a Xunta o curso pasado. E cando xa estabamos a mirar alternativas para adquirir unha impresora 3D, chegou unha entrega de material que inclúe kits de arduino, dúas raspi… e unha Legio!!!
A impresora xa está operativa e este post resume os pasos necesarios para poñela en funcionamento.
Comeza por desembalar a impresora e segue as instrucións deste videotitorial para rematar a súa montaxe.
A continuación terás que seguir as indicacións do fabricante para instalar os drivers, o software de laminación e os perfís de impresión.
Chegamos agora ao momento no que realizaremos un test de nivelación para que o fío de material fundido se deposite de forma axeitada sobre o vidro da plataforma. Podes descargar o test de nivelación aquí.
No meu caso, o test de nivelación parecía realizado por unha araña cafeínica, pois obtiña figuras como esta
Realicei movementos individuais dos tres eixes e atopei que o único que non respondía como se esperaba era o X, así que revisei o conector correspondente e como se pode ver na imaxe, un dos pines estaba dobrado.
Endereiteino, conectei de novo e esta vez todo funcionou correctamente.
E agora que? Podes atopar moitos obxectos no repositorio Thingiverse ou realizar os teus propios deseños con diferentes programas como Tinkercad.
Aproveito tamén para facer unha recompilación de diferentes páxinas que poden ser de interese:



