O mércores día 30 de Marzo teremos o exame da unidade de periféricos na aula de 2ºC. Se queredes, podedes empregar as autoavaliacións para repasar, pois o exame tamén será un test online:
Último día adicado a este tema e última autoavaliación. O mércores día 30 teremos o exame correspondente. A continuación comezaremos a unidade adicada aos materiais de uso técnico.
Na clase de hoxe teredes a oportunidade de probar algúns dos primeiros videoxogos portátiles que se comercializaban a comezos dos 80 e tamén podereres xogar online con algunhas das consolas precursoras da Play, Wii,… nos vosos portátiles. Logo teredes unha semana para analizar as principais diferenzas entre os videoxogos de entón e os actuais, valorando aspectos como a complexidade do xogo, gráficos, son, nivel de dificultade, flexibilidade do xogo,… Tedes ate o venres 25 para entregarme o voso traballo individual!
Marta, dinamizadora da biblioteca do instituto e profesora do departamento de Lingua Galega, fíxonos a interesante proposta de construír suxeitalibros para colocar nos diferentes andeis. Este proxecto será realizado como un caso práctico no que cada equipo de 2ºC terá que falar con Marta, preguntarlle acerca das especificacións e tomar medidas. Posteriormente, no taller, cada equipo realizará o seu propio deseño para finalmente construílo empregando madeira e/ou metal.
Se a Terra fora un balón de baloncesto e a Lúa unha pelota de tenis, que distancia debería separalas para manter a escala empregada nos diámetros?
Onte vin este vídeo en amazings e hoxe realizamos unha pequena práctica na clase de Ámbito Científico-Técnico (dentro das actividades relacionadas con astronomía que estamos desenvolvendo ao longo desta avaliación).
A partir da wikipedia, @s alumn@s buscaron os seguintes datos:
Diámetro da Terra
Diámetro da Lúa
Diámetro dun balón de baloncesto
Diámetro dunha pelota de tenis
Logo de comprobar que os diámetros balón de balocesto-pelota de tenis gardaban a mesma relación (aproximadamente) ca os diámetros Terra-Lúa e que polo tanto estaban ben escollidos, pedinlles que buscaran que distancia media separa o noso planeta do seu satélite.
Xa só quedaba calcular o factor de escala Terra-balón de baloncesto e empregalo para determinar a que distancia do balón de baloncesto teriamos que colocar a pelota de tenis. O (sorprendente) resultado, arredor de 7 metros.
Por certo, no vídeo observaredes que a persoa que camiña para situar a pelota de tenis na súa posición correcta, dá 10 pasos. Se os seus pasos foran amplos, tería dado arredor de 7 porque o paso amplo dunha persoa adulta de estatura media mide arredor de 1 metro.
Eliminei do menú PRINCIPAL as ligazóns ao material de Tecnoloxía, Tecnoloxías e Ámbito Científico-Técnico de cursos anteriores, pero non o material, que continúa sendo accesible a través das CATEGORÍAS ou da caixa Procurar.