Poñendo a punto o taller

Gústame aproveitar estes primeiros días de setembro, cando as clases aínda non comezaron, para cacharrear e poñer a punto o taller. Unha das tarefas que realizo cada ano é desmontar os proxectos de todo o curso para recuperar os compoñentes e clasificalos a continuación.

No meu departamento pensamos que a materia de tecnoloxía debe desenvolverse a custe cero para as familias, e por iso, todo o material que precisa o alumnado para a realización de cada proxecto ou práctica, se atopa dentro do taller. O departamento merca a madeira, a termocola, os motores, os compoñentes electrónicos, as placas de montaxe, as pinturas,… Para facelo sostible, cada ano desmontamos a maioría dos proxectos e recuperamos os seus elementos para usalos de novo.

Sempre hai un pequeno número de proxectos que se incorpora á exposición permanente que temos no taller, nun estante que percorre a parede máis longa da aula e que se atopa a un par de metros do chan. Cando o alumnado entra por primeira vez ao taller, pode ver e manipular os traballos que se realizaron nos cursos anteriores. Esa información tamén está accesible a través do vídeo que recolle a exposición de xuño e que publico cada ano na fin de curso.

Organización do taller: caixas de proxectos

É necesario dispoñer dun espazo para gardar os proxectos que realiza o alumnado, e para iso podes empregar caixas de paquetes de folios. Eu uso deste tipo por tres razóns: son fáciles de conseguir, teñen tapa e me permiten limitar o tamaño dos proxectos co conseguinte aforro de materiais e espazo no taller. Así, cando o alumnado realice un deseño, terá que facelo axustándose ás medidas da caixa de proxectos.

Identifica as caixas con gomets de cores como fixeches cos paneis de ferramentas de maneira que cada grupo dispoña dunha caixa para gardar o proxecto que está realizando e, por exemplo, deixar material de cara á seguinte sesión.

Organización do taller: Paneis de ferramentas

Ao alumnado gústalle traballar nun lugar ordenado onde as ferramentas, materiais,… son fáciles de atopar e están accesibles.

Podes organizar as ferramentas por paneis de cores de maneira que cada grupo de taller utilice sempre o mesmo taboleiro. Non é necesario que cada panel dispoña dun número elevado de ferramentas diferentes. Para comezar, é suficiente con que conteña aquelas de uso máis frecuente: sarxentos, serra, segueta, regra, escuadro, tesoira, alicates, lima e barrena. O resto das ferramentas (non necesariamente un elemento por grupo) pode situarse nun panel de uso común.

Se ademais etiquetas as ferramentas con gomets de cores, e as colocas coa mesma disposición en todos os paneis, poderás revisalos cunha simple ollada ao comezo e ao final de cada clase, e así verificar que todo está en orde.

Usa taboleiros con espazo suficiente e poderás engadir novas ferramentas cada ano,

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos