Seguro que moitos de vós lembraredes os manuais dos Jóvenes Castores, unha colección de libros inesquecible para todos os nados nos anos 60 e 70. Habíaos de temática xeral, onde podías aprender a arranxar un libro vello, agochar segredos con zum
e de limón ou escribir mensaxes indescifrables. Tamén había números especiais adicados a un único tema. Aí estaba o Manual de Patomas, de trucos de maxia, o da Abuela Pata, cunha chea de receitas de cociña e por suposto, o Manual de Tarconi, o especial adicado aos inventos.
Lembro un dos artigos que lin de pequena onde se afirmaba o útil que pode resultar coñecer determinadas medidas do teu corpo. Que distancia hai do pulso ao cóbado ou canto mide a nosa cuarta é información que nos pode sacar dun apuro para estimar o tamaño de obxectos nunha tenda, por exemplo.
Sempre me sorprendo cando lles pido aos meus alumnos que me digan canto mide un boli dos que usan todos os días. A primeira resposta é un “non sei”. Eu tamén lles respondo sempre o mesmo, se estará máis perto de 5 cm ou de 80 cm 🙂
Un pode non ter instrumentos de medida para realizar unha medición precisa, pero ten que ser capaz de realizar estimacións co que ten a man, sen ir máis lonxe, coa súa man. A miña mide 18 cm de polgar a maimiño. E a túa?
Ah, lembrade tamén que un paso amplo dunha persoa de estatura media mide arredor de 1 m.