Display de 7 segmentos controlado con PICAXE

A práctica proposta para hoxe foi a seguinte: deseñar un circuíto e un programa que permitiran controlar a través de PICAXE o funcionamento dun display de 7 segmentos que debía conmutar entre 1 e 3 ao accionar un final de carreira. Todo un reto para o que todavía sobraron 10 minutos que nos permitiron gravar o funcionamento dos dispositivos. Un traballo estupendo!

Podedes ver outro vídeo máis na canle de YouTube.

Tomando medidas XI: Xogamos coas escalas

Se a Terra fora un balón de baloncesto e a Lúa unha pelota de tenis, que distancia debería separalas para manter a escala empregada nos diámetros?

Onte vin este vídeo en amazings e hoxe realizamos unha pequena práctica na clase de Ámbito Científico-Técnico (dentro das actividades relacionadas con astronomía que estamos desenvolvendo ao longo desta avaliación).

A partir da wikipedia, @s alumn@s buscaron os seguintes datos:

  • Diámetro da Terra
  • Diámetro da Lúa
  • Diámetro dun balón de baloncesto
  • Diámetro dunha pelota de tenis

Logo de comprobar que os diámetros balón de balocesto-pelota de tenis gardaban a mesma relación (aproximadamente) ca os diámetros Terra-Lúa e que polo tanto estaban ben escollidos, pedinlles que buscaran que distancia media separa o noso planeta do seu satélite.

Xa só quedaba calcular o factor de escala Terra-balón de baloncesto e empregalo para determinar a que distancia do balón de baloncesto teriamos que colocar a pelota de tenis. O (sorprendente) resultado, arredor de 7 metros.

Por certo, no vídeo observaredes que a persoa que camiña para situar a pelota de tenis na súa posición correcta, dá 10 pasos. Se os seus pasos foran amplos, tería dado arredor de 7 porque o paso amplo dunha persoa adulta de estatura media mide arredor de 1 metro.

Inversión de xiro dun motor con PICAXE

@s aliumn@s de 4ºA realizaron hoxe en tempo récord un pequeno programa para controlar a inversión de xiro dun motor. A minipráctica consistía en facer que xirara durante 5s en sentido de avance para xirar a continuación no sentido contrario durante 8s. O cartón pegado no eixe do motor permite visualizar mellor o cambio de sentido (como indicador, non é moi elaborado, pero o tempo non dou para máis 🙂 )

Un xogo con Lego para unha tarde de luns

Na clase do luns de robótica construímos e programamos sistemas en lazo pechado que incorporaban un sensor de luz. As instrucións de programación fan que o robot xire ate que atopa unha luz, momento no que avanza en liña recta durante cinco segundos, bucle que se repite ate apagar o robot.

Propuxemos un xogo: levar o robot dende unha marca inicial no taller ao interior dun recadro só coa axuda dunha lanterna. Un cronómetro en marcha situado na PDI debía ser pulsado tras alcanzar o obxectivo. Máis vídeos na canle de YouTube.

Comezamos con PICAXE

@s alumn@s de 4ºA terán que deseñar e contrruír un dispositivo controlado a través de PICAXE como proxecto para esta avaliación. Antes, é necesario entender o funcionamento deste sistema de control e aprender a programalo. Hoxe fixemos a primeira práctica deseñando o circuíto para un semáforo e programando o seu funcionamento:

A luz vermella debía permanecer acendida 5 s, a continuación a luz amarela acenderíase 1 s e para rematar, a luz verde estaría 5 s acendida. Os catro grupos resolveron a práctica correctamente e todavía tivemos tempo para gravar os resultados. Déixovos aquí un dos catro vídeos que tomamos e os outros tres podedes velos na canle de YouTube.

Parabéns a tod@s!!!

Seino, a calidade do vídeo é malísima 😦

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos