A febre e unha dor de gorxa tremenda non deixaron que hoxe fora ao instituto, así que aproveitei o tempo para facer unha montaxe con algunhas das moitísimas fotos que tiramos o día dos foguetes. Que día!
NOTA: acepto cambios na selección de fotos e música 🙂
Unha pequena mostra (tede paciencia e haberá máis) da xornada de foguetes de auga que tivemos esta mañá. Trátase do lanzamento do foguete construído polos alumnos de 4ºD. As dúas gravacións correspóndense con dúas cámaras, unha na base de lanzamento e outra situada para rexistrar a traxectoria completa do foguete. Un traballo estupendo. Parabéns a tod@s!!!
Comezamos esta unidade co visionado dun programa especial de Mythbusters acerca da suposta teoría da conspiración arredor da chegada do Home á Lúa. Podedes descargar o vídeo que vimos e analizamos en clase ben dende a aulateca, ben facendo clic aquí. O exercicio que vos propoño é o seguinte:
Escollede 2 probas da teoría da conspiración
Explicade en que consiste cada unha delas
Describide o experimento que se prantexa para refutar cada unha das probas
Analizade as conclusións que se poden obter dos experimentos, valorando se as probas presentadas son válidas.
Vídeo que documenta as primeiras probas cos foguetes de auga. Como o tempo non se prestaba moito, fixémolas dentro do taller e sen agua, claro. Cada quen puido afacerse á tarefa que terá que realizar o día do lanzamento, e de paso aproveitamos para probar varios materiais nos que cravar a agulla da bomba de aire.
Se queredes ver un par de vídeos máis, visitade a canle de YouTube do blog. Nun deles a presión foi insuficiente polo que o voo foi moi curto. No outro, fixemos un lanzamento vertical no exterior aproveitando un momento no que non chovía, pero si facía bastante vento. Todos eles foron soamente con aire a presión. Os lanzamentos con auga e con cámara de vídeo incorporada no foguete, serán a semana que vén.
e a continuación teredes que responder un test online. Indicade o voso nome e primeiro apelido, e introducide o contrasinal que vos indique. Os vosos resultados quedarán rexistrados.
Vídeo do proxecto que @s alumn@s de 2ºC do grupo verde construíron na primeira avaliación. Trátase dun xogo eléctrico de preguntas e respostas que lles permitiu practicar o traballo con madeira ademais de repasar contidos de electricidade. Nos próximos días subirei fotos de todos os proxectos rematados.
Algúns xoguetes como o da imaxe activan o seu dispositivo de saída (unha melodía, unha luz,…) cando o usuario toca dous puntos que fan que un circuíto eléctrico se peche.
Como funcionan? Nesta situación, o corpo do usuario forma parte do circuíto cunha determinada resistencia que en principio faría que a intensidade establecida fora insuficiente para activar o dispositivo de saída. Isto pode solucionarse cunha etapa de amplificación con transistor.
O transistor amplifica a intensidade que entra a través da súa base, proporcionando unha intensidade de colector que dependerá da intensidade de entrada e da ganancia do transistor.
Pode suceder que o transistor non sexa quen de proporcionar unha intensidade suficientemente alta para activar o dispositivo de saída, e nese caso será preciso amplificar aínda máis a intensidade que entra pola base.
Esta operación pode realizarse cun par Darlington, onde dous transistores se conectan como se indica na figura, de maneira que a ganancia do conxunto é o produto das ganancias de ambos.
No vídeo, os alumnos de 4ºA fixeron unha cadea colléndose das mans para pechar o circuíto, agarrando un deles o cable conectado ao polo positivo da pila e outro, o cable conectado á base do primeiro transistor.
Como resultado, o LED conectado no colector do segundo transistor acéndese cando a cadea está pechada e apágase no momento en que a cadea se abre nalgún punto, pois nesa situación temos un circuíto aberto. A configuración Darlington permite que a intensidade que circula polo LED sexa suficiente para acendelo a pesar da resistencia introducida pola inclusión de 13 persoas no circuíto!