O meu primeiro ordenador

No mes de Abril Jorge Gómez, profesor de tecnoloxía en Compostela, publicaba no seu blog unha entrada onde nos relataba as características do seu primeiro ordenador, un Commodore 64. Lembro que cando o lin entón pensei en realizar o mesmo exercicio de nostalxia…

A principios dos anos 80 o ordenador doméstico máis vendido era o Spectrum, e por tanto tamén o que ofrecía máis posibilidades á hora de conseguir e intercambiar xogos. Meus irmáns e eu nos puxeramos de acordo para pedilo por Reis ate que coñecimos os MSX, un estándar que aseguraba a compatibilidade mesmo entre ordenadores de diferentes marcas. Así foi como escollimos o Hit Bit de Sony.

hit bit sony

Mercámolo nunha tenda distribuidora de Sony que xa non existe e custou arredor de 60000 pesetas (uns 360 €) que era moito diñeiro naquel momento. Cando chegabas a casa e abrías a caixa, o único que atopabas era o que podedes ver na imaxe: un teclado con dúas fendas de entrada para cartuchos de memoria e 16 KB de memoria RAM. Xa vedes, nin rato nin monitor, había que conectalo ao televisor cun cable coaxial.

Algúns modelos doutras marcas incorporaban un reprodutor de cintas magnéticas que permitía cargar información no equipo e tamén gardala, pois non había nada parecido a un disco duro.  O Hit Bit, non pero sempre podías conectarlle un radiocasete  mono que tiveras por casa.

Desde a perspectiva actual os xogos resultan moi simples, pero naqueles tempos nos parecían absolutamente xeniais.  Tiñamos tres posibilidades para conseguilos:

  1. Mercar un cartucho que podías cambiar sempre que quixeras por calquera dos que había dispoñibles na tenda onde adquirimos o ordenador.
  2. Gravar xogos nunha cinta e cargalos no ordenador coa axuda dun radiocasete e un pouco de paciencia (tardaban varios minutos).
  3. Mercar unha revista especializada e teclear por turnos as interminables liñas de código (sempre cruzabamos os dedos para que o ordenador non se apagara sen ter gravado antes nunha casete). Así foi como conseguimos, por exemplo, unha versión moi básica do Arkanoid.

O noso xogo favorito era o Athletic Land. Tamén estaban o Hero, o Nemesis ou o Penguin Adventure, pero o Athletic Land foi o que máis tempo tivemos na casa antes de cambialo finalmente na tenda.

Se queredes probar este xogo e outros, podedes botarlle un ollo a JuegoTK, que ofrece a posibilidade de xogar online. Eu xa estiven recordando tempos…

Cal foi o voso primeiro ordenador???

Os últimos vídeos deste curso

E xa por fin os últimos vídeos deste curso, os que corresponden aos proxectos de 3ºA. O que podedes ver debaixo destas liñas é o temporizador do grupo verde, deseñado e construído en pouco máis de dúas sesións porque o deseño inicial non funcionou como estaba previsto. Xa sabedes que na canle de youtube podedes atopar este vídeo e moitos máis de 3ºA, 3ºBC, 2ºC e 2ºD.

Algúns destes proxectos serán gardados para a exposición permanente que temos no taller 1 pero a maioría serán desmontados para reciclar o material o curso que vén. Se estades interesados en quedar co voso proxecto, buscádeme o día da entrega de notas para collelo no taller.

Máis vídeos de proxectos

Continúo subindo os vídeos dos proxectos rematados en 2º e 3º, así podemos ver todos os vosos traballos aínda que este ano non teñamos a tradicional exposición-concurso. O que tedes debaixo é o temporizador do grupo azul de 3ºBC. Eles tampouco conseguiron os 10 s pedidos pero si un interesante dispositivo construído en moi pouco tempo.

Na canle do Blog de Tecnoloxía atoparedes este vídeo e outros. Nos vos perdades por exemplo os temporizadores con auga!

3º ESO: Vídeos dos temporizadores

Amósovos o vídeo do temporizador do grupo laranxa de 3ºBC. Témome que está lonxe de conseguir os 10 s que se pedían, pero aínda así ten o valor de ser un deseño totalmente realizado polos alumnos. Unha vez máis o tempo xogou en contra 🙂

Nos próximos días subirei a youtube todos os vídeos dos proxectos rematados que vaiamos gravando. 

Memoria de elefante

Existen materiais capaces de recuperar a súa forma logo dunha deformación plástica simplemente aplicando calor. Estes materiais reciben o nome de materiais con memoria de forma. Botádelle un ollo a este vídeo onde o mango da culler está parcialmente fabricado con nitinol. Veredes o que sucede cando a culler se introduce no líquido quente que contén a taza…

magic_teaspoon

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos