Keitai shosetsu ou novelas en sms

Nesta ocasión temos a sorte de contar coa colaboración de Montserrat Collazo, profesora do departamento de Lingua Galega do IES de Pastoriza, que nos propón un novo uso para o noso teléfono móbil.

Dende o teu móbil

  • envías mensaxes
  • anotas na axenda
  • fas fotos
  • consultas Internet
  • escoitas música
  • fas pequenas movies
  • oriéntaste co GPS
  • xogas cos marcianitos…

Fas case, case de todo ademais de falar por teléfono.

Agora imaxina que podes facer aínda máis cousas, por exemplo… publicar unha novela. Si, publicar unha auténtica novela. Isto é o que está de moda en Xapón hoxe. Alí como aquí todo o mundo leva no peto un teléfono móbil, pero alí máis que aquí a xente adica moito tempo aos seus desprazamentos diarios da casa ao traballo ou ao instituto.

Alí (a diferencia do que pasa aquí) non está moi ben visto falar a través do móbil no tren ou no bus, pero si consultalo. En Xapón a rede vai moi rápido e é de fácil acceso polo que todo o mundo se entretén coa súa microcomputadora.

O ano pasado, cinco dos dez best sellers do Xapón saíron en formato móbil. As súas autoras son case sempre mulleres moi novas e que medraron lendo mangas. Todas elas son moi habelenciosas co teclado do seu teléfono e as novelas que escriben van dirixidas fundamentalmente a un público adolescente, polo tanto cunha temática moi emotiva e moi triste: amores imposibles, celos, mortes de xoves, etc.

Todas escriben polo mero gusto de escribir, pois non cobran polo seu traballo, aínda que sexan lidas por millóns e millóns de seguidores.

Como funciona este tipo de edición? Pois moi doado; un pode subscribirse por só 3€ ao mes, a unha ou varias novelas vía móbil e -entrando a través de internet- vas baixando cada día un capítulo. Necesitas un teléfono con tecnoloxía i-mode e conexión a internet.

A de máis éxito en Xapón o ano pasado: Koizora (Ceo de amor) tivo máis de 25 millóns de lectores. Comezou sendo unha keitai shosetsu (novela de móbil), pero pronto deu lugar a unha película, despois a un dorodrama (telenovela de poucos capítulos) e por fin foi publicada en papel.
Outra que tamén tivo unha magnífica acollida foi Un litro de lágrimas (dramón onde os haxa) con máis de 20 millóns de lectores (tamén adaptada ao cine).

Este fenómeno xa se estende por Corea do Sur e China polo que pronto o teremos como algo habitual nos nosos terminais móbiles.

En España e Hispanoamérica xa se fixeron os primeiros intentos e así autores pertencentes ao movemento Cyberpunk como Javier Lorente ou outros chegados da “literatura tradicional” como Suso de Toro ou Patricia Suárez xa deron un paso adiante. Pero aquí seguimos botando algo en falta: onde están as nosas escritoras de keitai shosetsu, esas rapazas novas que tan ben se manexan co teclado do móbil?

O Congo na mochila

Reabro a sección de colaboracións do blog con esta interesantísima entrada escrita por Nacho Menéndez, profesor do departamento de Ciencias Sociais do IES de Pastoriza.

Xoguemos ao Trivial.
– Pregunta: Onde está a República Democrática do Congo?
– Resposta: en África central.
– Pregunta: Enumera polo menos tres instrumentos electrónicos co cualificativo de “tic”.
– Resposta: Teléfono Móbil, GPS e ordenador con sistema wifi.
– Pregunta: Que ten que ver a República Democrática do Congo cos “aparatos” anteriormente mencionados?
– Resposta: O coltán.
– Que é o coltán?
– Resposta: É unha contracción de dous minerais, a columbita e a tantalita. O coltán é fundamental para o desenvolvemento da telefonía móbil, a fabricación de ordenadores, a PlayStation, os mísiles chamados intelixentes, incluso para os implantes de órganos.
Os milagres do coltán débense ás súas particularidades. É capaz de soportar temperaturas moi elevadas. Almacena carga eléctrica temporal e libéraa cando é necesario. É altamente resistente á corrosión.
– Pregunta: Onde se atopan os maiores xacementos do mundo de coltán?
– Resposta: O 80% das reservas están na rexión de Kivu e Itari, ao leste da República Democrática do Congo (ver mapa).

mapaEsta é unha das zonas máis violentas do mundo. A loita de cinco grupos armados apoiados por países veciños como Ruanda, Uganda e Burundi polo control do coltán, provocaron o desprazamento dunhas 250.000 persoas o pasado mes de outubro. En total hai polo menos -segundo Amnistía Internacional- 1,2 millóns de persoas desprazadas en Kivu Norte. É incalculable o número de mulleres e nenas que teñen sufrido violencia sexual.

Algunhas cifras máis que nos axuden a situar a catástrofe humanitaria que vive O Congo:

  • Cinco millóns de persoas mortas dende 1998.
  • 30.000 nenos e nenas recrutados polas diferentes forzas armadas ao longo destes dez anos. Estímase que aínda hai entre 3.000 e 7.000 menores soldados e esta cifra podería estar aumentando (datos de Amnistía Internacional).

– Última pregunta: Mira o teu móbil, ou o teu ordenador, ou o teu videoxogo… que pensas?

Aplicación da semana: CardFunk

E chegamos á última aplicación da semana deste ano e como non, tiña que ser algo relacionado con estas datas 🙂

Fabricade unha felicitación de Nadal personalizada poñéndolle a cara aos bailaríns con CardFunk. Moi boas festas a tod@s e un feliz 2009 desde o Blog de Tecnoloxía!!!!!!

Aplicación da semana: ConvertMyTube

convertmytube

Cantas veces queremos facer uso dun vídeo de YouTube e nos vemos limitados pola velocidade da conexión da que dispoñemos! Agora con ConvertMyTube poderemos descargar o vídeo con opción de facelo en diferentes formatos, incluídos o 3gp para móbil e o mp3 para extraer só o audio. A páxina que nos informa desta aplicación é genbeta.

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos