Fai clic aquí para acceder aos meus taboleiros de Pinterest.
Do revés na clase
Artigo pendente de publicación na Revista Galega do Ensino.
Resumo do contido
O modelo de flipped classroom ou clase do revés cada vez ten unha maior aceptación por parte dos docentes. Ao lado das numerosas vantaxes que presenta esta práctica, están os problemas asociados á parte que sucede fóra da aula.
E se todas e cada unha das etapas do proceso sucederan dentro da clase? Esa é a formulación que subxace baixo o modelo in-class flip ou do revés na clase.
Contextualización
De acordo coa metodoloxía da clase do revés, o alumnado debe traballar en casa unha serie de contidos a través de diferentes materiais elaborados ou seleccionados pola docente. O tempo de aula resérvase para o traballo máis práctico, no que a profesora resolve de forma directa as dúbidas que xorden na resolución de tarefas.
Cada alumna e cada alumno poden aprender ao seu ritmo consultando o material didáctico as veces que sexa necesario, antes, durante e despois da realización de cada tarefa asignada. Refórzase así a autonomía do alumnado e posibilítase a coexistencia de diferentes niveis de aprendizaxe dentro e fóra da aula.
A docente dispón de máis tempo para o alumnado que presenta maiores dificultades, e ten a posibilidade de facer pequenos grupos para traballar aspectos concretos con eles. Mentres, o resto dos alumnos e alumnas avanza de forma autónoma, apoiándose entre eles e con intervencións puntuais por parte da docente.
Ao lado destas vantaxes, a clase do revés tamén presenta unha serie de problemas asociados ao modelo. O principal deles é que o alumnado non dispón sempre de medios materiais e/ou conexión a internet para realizar o traballo que pertence ao ámbito doméstico. Se esta etapa do proceso non ten lugar, dificilmente se poderá desenvolver de maneira eficiente a seguinte etapa na aula. Tamén resulta un gran inconveniente a necesidade dun elevado compromiso por parte do alumnado.
A dotación tecnolóxica do centro no que traballo, por exemplo, é óptima para a implantación dun modelo de clase do revés pero non se corresponde co nivel socioeconómico da poboación na que está ubicado o instituto. Así, resulta moi difícil para o alumnado comprometerse na realización en casa de tarefas que precisen dun equipo informático. Este desaxuste de medios que existe entre o centro e o contorno familiar fixo que me decantara polo modelo in-class flip.
A formulación que subxace baixo o modelo do revés na clase (in-class flip) ou falsa clase do revés (faux flipped classroom) é a de considerar que todas as etapas do proceso deben suceder na aula e por tanto, é preciso organizar os tempos e os espazos para que isto sexa posible.
Baixo esta proposta, todo o alumnado participa cos mesmos recursos materiais porque todas as etapas se desenvolven dentro da aula. A profesora está presente en todo momento polo que ten un maior control de todo o proceso e dispón da oportunidade de atender a cada alumna e cada alumno tanto na revisión de recursos, coma na realización de actividades.
Obxectivos
-
Incrementar a implicación do alumnado na súa propia aprendizaxe.
-
Promover unha aprendizaxe autónoma para todo o alumnado.
-
Proporcionar unha alternativa para o alumnado que non dispón de recursos fóra do ámbito escolar.
-
Mellorar a atención á diversidade dentro e fóra da aula.
-
Favorecer o apoio entre iguais.
Recursos empregados
A experiencia desenvolveuse nunha aula-taller de tecnoloxía na que se dispón do espazo suficiente para establecer diferentes zonas de traballo, e favorecer unha distribución flexible adaptada ás necesidades de cada sesión.
Todas as alumnas e alumnos dispoñen dun ordenador portátil co software requirido para realizar as actividades asignadas. O centro ademais está dotado cunha boa conexión de rede.
Os materiais de consulta son videotitoriais de creación propia aloxados en YouTube e recompilados en Blendspace co fin de mellorar a accesibilidade.
Todas as instrucións e as correccións das diferentes actividades foron xestionadas a través da plataforma educativa Edmodo.
Descrición da actividade e metodoloxía
Empregouse o modelo de falsa clase do revés con alumnado pertencente ao 2º curso da ESO para o traballo dunha unidade de procesado de texto en LibreOffice.
Fíxose unha proposta de 5 prácticas a través de dous grupos creados dentro da plataforma educativa Edmodo, un para cada clase. Cada práctica estaba acompañada dun videotitorial onde se proporcionaba a información necesaria e un modelo que o alumnado debía reproducir. A contorna de traballo proporcionada por Edmodo simplifica enormemente a asignación de tarefas e o posterior seguimento destas.
Cando unha alumna ou alumno remataba unha práctica, enviaba a súa tarefa a través de Edmodo para a súa corrección. Cada unha das prácticas podía ser remitida un número ilimitado de veces sempre e cando o envío se realizara dentro do prazo asignado. A práctica era devolta á alumna ou alumno acompañada dunha calificación e as indicacións necesarias para modificar a tarefa e entregala de novo.
Avaliación
Estableceuse o seguinte código para a calificación das prácticas:
4-Moi ben: a práctica non necesita modificacións
3-Ben: a práctica necesita un máximo de 2 modificacións
2-Regular: a práctica necesita entre 3 e 5 modificacións
1-Mal: a práctica necesita máis de 5 modificacións
0-Non entregada: a práctica non foi entregada
Foron avaliadas 205 prácticas pertencentes a 41 alumnas e alumnos cos resultados que se mostran no Gráfico 1.
Gráfico 1
Conclusións
A realimentación durante o proceso permitiu que o 78% das prácticas fora calificado con ben ou moi ben, destacando especialmente a alta porcentaxe de prácticas puntuadas coa calificación máxima (68%). O alumnado entende que é posible realizar un traballo sen erros e ademais esta porcentaxe reflicte o seu interese por facelo.
O tempo proporcionado en clase foi suficiente para a realización de todas as tarefas como así indica a baixa porcentaxe de prácticas calificadas con 0 (1%). Con todo, houbo alumnas e alumnos que realizaron algunhas das tarefas ou parte delas nos seus domicilios.
A calificación de prácticas, corrección de fallos e resolución de dúbidas tivo lugar dentro da clase pero tamén fóra dela a través da plataforma educativa Edmodo. Isto permitiu unha comunicación fluída e constante coa docente durante todo o proceso.
A eficiencia e eficacia deste modelo de traballo en aula veñen xustificadas polas seguintes razóns:
-
Posibilita a realización de todas as tarefas na aula durante o tempo de clase.
-
O material necesario está sempre dispoñible.
-
A profesora está presente en todo momento fisicamente e/ou a través da plataforma Edmodo.
-
Existe realimentación, o que permite que o alumnado reciba a súa tarefa calificada e con indicacións para mellorala.
-
Fai posible que unha tarefa se envíe cantas veces sexa necesario.
-
A docente ten unha visión completa do desenvolvemento de cada unha das sesións e do traballo individual de cada alumna e alumno.
No presente curso repetín a experiencia co modelo do revés na clase, pero nesta ocasión en grupos de 2º, 3º e 4º da ESO, e co soporte da plataforma educativa Classroom. A maioría das unidades foron traballadas de acordo con este modelo e os resultados foron moi satisfactorios, chegando ao 100% de aprobados nalgúns grupos.
Bibliografía
-
Bergmann, J., Sams, A. (2014) Dale la vuelta a tu clase. Ediciones SM. ed.
-
Gonzalez, Jennifer. (2014) Modifying the Flipped Classroom: The “In-Class” Version. Edutopia.
Un debuxo = un peluche
Os deseños que facedes no taller forman parte do proceso de realización dun proxecto. Para Wendy Tsao, os debuxos das nenas e nenos son os deseños que lle permiten a fabricación duns peluches únicos.
Podedes ler a entrada enteira en design you trust.
Co ollo posto en Finlandia
Por que Finlandia é un referente mundial no mundo da educación?
Bótalle un ollo a esta interesante entrada de TheFlippedClassroom.
Visita o meu blendspace
Blendspace cambiou as direccións de acceso. Fai clic aquí se queres visitar o meu.
Titoriais de arduino
Se queres aprender a controlar dispositivos con arduino e non sabes por onde comezar, podes botarlle un ollo a esta páxina. Contén titoriais de diferentes niveis moi completos e claros.
Éche así
Éche así é o novo programa de divulgación científica que a Televisión de Galicia estreou o pasado 6 de decembro. Non o perdas!!!
Tamén podes acceder aos contidos a través da súa web e da súa canle de YouTube.
Esa estraña nube no ceo
Viches algunha vez a Vía Láctea? É probable que non. Calcúlase que un 80% da poboación mundial non pode ver a nosa galaxia debido á contaminación lumínica.
No ano 1994 a cidade de Los Ángeles sufriu un apagón importantísimo a consecuencia dun terremoto. As chamadas de emerxencia comezaron a sucederse, pois no ceo había unha estraña nube prateada e a xente quería saber que era e se tiña relación co terremoto. Moitos dos habitantes estaban contemplando a Vía Láctea por primeira vez!
Windows cumpre 30 anos
Windows cumpriu 30 anos o pasado 20 de novembro. Queres saber cando apareceron por primeira vez o botón de inicio ou os de maximizar e minimizar? Queres coñecer as diferentes versións que separan a imaxe da cabeceira desta imaxe?
Tes que ler este artigo publicado en hipertextual!!!
O paso do tempo
O paso do tempo degrada os materiais. A fotógrafa Agne Gintalaite documenta este feito a través do seu traballo con portas de garaxe.
Visto en CulturaInquieta.


