Problemas con Chrome

Veño de ler en wwwhatsnew que Google admite un fallo de funcionamento de Chrome en Windows. O navegador non entra en repouso cando está en segundo plano. Se tes aberto Chrome, está consumindo recursos do teu equipo. Debido a este consumo, a batería baixa máis rapidamente no caso de que non teñas enchufado o portátil.

Dende Google aseguran estar traballando nunha solución para este problema que foi detectado en 2010.

Por onde anda a Voyager 1?

A sonda Voyager 1 foi lanzada en 1977 coa misión de explorar os límites do sistema solar. O verán pasado traspasounos e hai poucos días a NASA comunicaba que a sonda continúa viaxando polo espazo interestelar. Está previsto que continúe enviando información ate o ano 2025.

Trátase do primeiro obxecto humano en alcanzar o espazo interestelar e no seu interior pode atoparse un disco de ouro que contén información de interese sobre o noso planeta.

Impresionante, verdade?

O arco da vella secundario

Sabes como se produce un arco da vella? A luz incide nas gotas de auga que se atopan na atmósfera e se reflicte dentro delas dando lugar ao arco da vella primario. Sucesivas reflexións darían lugar a novos arcos da vella pero sucede que en cada reflexión a luz perde intensidade e por iso non chegamos a velos.

En ocasións pode apreciarse o que chamamos arco da vella secundario. Se observas con atención, verás que as cores están dispostas en orde inversa, sendo a cor vermella a máis interior e a violeta a máis exterior. Tamén podes observar que entre o primario e o secundario aparece unha zona visiblemente máis escura que o resto do ceo. Denomínase banda de Alexandre.

Lémbrao a próxima vez que teñas a sorte de contemplar este fenómeno!

Impresión 3D con botellas

Nos próximos meses veremos unha nova impresora 3D que permite utilizar botellas de plástico baleiras como material de impresión. Imaxina poder fabricar unha carcasa para o móbil coa botella do refresco que acabas de beber!

Fai clic aquí se queres ler a noticia completa.

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos