Foto da miña irmá de paseo polo cámping.
Taboleiro de anuncios
Con linoit podedes crear o voso propio taboleiro de anuncios no que poñer un post-it, colgar unha imaxe ou subir un vídeo. Se os demais poden facelo tamén ou soamente visitarvos é decisión vosa. Eu xa teño o meu, que polo momento está en construción pero nel atoparedes as datas dos exames de Setembro. Aparece no menú principal como Taboleiro de anuncios.
Visto en wwwhat’s new
Facendo balance en 5 parágrafos
En menos de dúas semanas comezaremos o curso 2010-11 e este será o terceiro ano que impartirei o Ámbito Científico-Técnico nun grupo de PDC. O curso pasado pensei en colgar todo o material co que traballamos no Ámbito no Blog de Tecnoloxía pero non me sentía moi cómoda con esta opción, polo que decidín crear un novo blog no que tamén os alumnos do grupo eran editores. Foi unha experiencia xenial. Con todo, esta solución tampouco me fixo sentir moi cómoda porque non me resulta natural separar ciencia e tecnoloxía cando fóra do mundo académico camiñan diariamente da man. E nin vos imaxinades o esforzo que supón manter á vez dous blogs (esa foi a razón principal pola que desapareceu o curso pasado a sección da Aplicación da Semana).
Por outra banda está a constante actividade no noso instituto para a que sempre houbo un oco no Blog de Tecnoloxía. A pesar de que por fin temos páxina web, quero seguir contándovos cando vai ser o magosto ou se este ano teremos concurso de relatos no Samaín.
Por último hai unha razón de tipo persoal. Encántame ser profe de tecnoloxía (nunca saberedes o ben que o paso) pero hai ocasións nas que me apetecería escribir sobre temas non necesariamente relacionados coa docencia da tecnoloxía, e se non o fago é porque na parte de arriba do blog pon “Blog de Tecnoloxía”. Ben, durante o verán consigo esquecerme do título con máis facilidade 😀
A onde nos leva todo isto? A que quero manter o eixo do blog, que son os contidos de Tecnoloxía, pero tamén quero incluír de forma natural contidos relativos a todas as materias nas que imparta clase, como é o caso do Ámbito Científico-Técnico. Quero falar do que acontece por Pastoriza e tamén contarvos de vez en cando cousas que non teñan que ver con ningunha delas. A solución á que cheguei foi a un cambio de título para o blog que me proporcione a liberdade que busco, que conlevará tamén un cambio na URL.
Isto non vai suceder de hoxe para mañá (entre outras cousas porque todavía necesito ese título para o blog!). Avisareivos con tempo porque me encantaría que seguirades visitándonos. Estade atentos tamén os que nos seguides a través de lectores de feeds! E sobre todo, moitas grazas!!!
O teu peso proxectado na parede
Non che hai como ser un geek. Calquera escusa é válida para ver un aparello destes e pensar o que molaría telo na casa 🙂
Visto en no puedo creer
Os profes tamén facemos lista de bos propósitos
Todos, os profes tamén, comezamos o curso cunha lista de bos propósitos que agardamos acadar antes do mes de Xuño. Desde ilibrarian propóñennos algúns de tipo tecnolóxico:
- Crea un blog ou mellora o que tes.
- Crea unha wiki cos teus alumnos.
- Crea unha web.
- Crea vídeos sen mercar equipamento.
- Crea mapas para contar unha historia.
- Experimenta backchannelling na túa aula (por exemplo a través de Twitter).
- Únete a unha rede social para o teu desenvolvemento profesional.
- Usa un servizo online para gardar os teus marcadores.
- Ensina aos teus alumnos que existen máis formas de buscar información ademais de google.
- Ensina aos teus alumnos a facer podcast.
- Limpa a caixa de correo.
A chuvia de estrelas das Perseidas
A interesantísima colaboración de hoxe é un luxo. Vén asinada por Salva Bará, profesor do departamento de Física Aplicada da USC e responsable da iniciativa Astronomía na beirarrúa (podedes seguilos en Facebook). Moitísimas grazas!!!
Se mirades o ceo estas noites seguramente veredes unha chea de estrelas fugaces (ou meteoros, que tamén se chaman así). É a chuvia de estrelas das Perseidas, ou “Bágoas de San Lourenzo”. As mellores noites son as do 12 e 13 de agosto. Non necesitas ningún aparello especial para velas. Ponte roupa de abrigo, bótate nunha tumbona e desfruta vendo o ceo de verán. E cando menos o esperes… zas! Algo semellante a unha estrela aparece de súpeto, móvese rapidamente polo ceo e desaparece. Hai quen di que se pode pedir un desexo e que seguramente se cumpre. Non todo o mundo cre niso, pero o que sí sabemos é que en realidade non son estrelas. Son pedriñas, chamadas meteoroides, a maioría delas do tamaño dun grao de arroz ou de millo, que andan polo espazo e entran na atmósfera da Terra con velocidades incriblemente grandes: uns 60 quilómetros por segundo. Si, por segundo! Iso veñen sendo máis de 200.000 quilómetros por hora! Ao rozar co aire a tan grande velocidade os meteoroides quecen, póñense incandescentes e emiten luz: así se forma unha estrela fugaz.
Vídeo das Perseidas (Nota da editora: agora mesmo hai problemas para incrustar vídeos de YouTube e tamén para facelo desde a biblioteca de medios en diferentes formatos, así que vos deixo unha ligazón).
A maioría delas desfanse pronto, despois de percorrer un anaco de ceo. Porén, hainas que brillan máis do normal e deixan no aire unha estela que permanece un tempo. E algunhas son dun tamaño máis grande, brillan moito, deixan unha grande estela e mesmo poden facer un son como de treboada: esas chámanse bólidos. Os anacos dun bólido poden chegar a caer ao chan: son os meteoritos, pedras interesantísimas porque son minerais que veñen directamente do espazo exterior. Os meteoritos axúdannos a coñecer mellor como se formou o Sistema Solar, incluíndo a Terra e nós mesmos. Se atopas algún, avísanos!
Para saber máis:
http://www.spmn.uji.es/ESP/presentacion.html
http://www.spmn.uji.es/ESP/activ1.html
Aplicacións gratuítas de uso educativo
En wwwhat’s new atoparedes unha boa recompilación de aplicacións gratuítas que serven para substituír ás aplicacións de pago que en moitos casos teñen características practicamente idénticas.
Liñas rectas sen regras
A través de cousas d’paco souben deste dispositivo que permite trazar liñas rectas sen necesidade de empregar unha regra. Ademais, o display indícanos a lonxitude da liña trazada. Apetecible, eh?
Buscando o camiño
Estes días teño algo máis de tempo e seguramente aproveitarei para buscar a estética que quero para o blog. Tede paciencia se cada vez que entrades nada está no seu lugar, ao mellor é debido a que todavía non ten un lugar 🙂
ACTUALIZACIÓN: Non sei que opinaredes vós, pero eu estou satisfeita co resultado. Todos os recursos dispoñibles para descargar están agora noutra páxina (accesible desde Recursos educativos) na vez de atoparse directamente na barra lateral. Tamén alixerei algunha cousiña máis. A ver que tal nos manexamos todos!
Vídeos educativos procedentes de YouTube
Miña irmá faime chegar esta interesante ligazón. En Utubersidad atoparedes unha magnífica selección de vídeos educativos procedentes de YouTube e clasificados por materias.







