A través do servizo de comentarios, chegou esta interesantísima ligazón sobre robótica que vos deixo aquí e na sección Gústame. Grazas de novo a Santiago, o seu autor!
Drivers para o cable USB de descarga de PICAXE
A descarga de programas ao PICAXE faise por defecto a través do cada vez menos utilizado porto serie. Existen adaptadores que permiten converter un cable de descarga serie nun USB, pero se ides mercar un novo, que sexa USB. Os drivers que permiten o funcionamento deste dispositivo, poden descargarse aquí.
Un xogo con Lego para unha tarde de luns
Na clase do luns de robótica construímos e programamos sistemas en lazo pechado que incorporaban un sensor de luz. As instrucións de programación fan que o robot xire ate que atopa unha luz, momento no que avanza en liña recta durante cinco segundos, bucle que se repite ate apagar o robot.
Propuxemos un xogo: levar o robot dende unha marca inicial no taller ao interior dun recadro só coa axuda dunha lanterna. Un cronómetro en marcha situado na PDI debía ser pulsado tras alcanzar o obxectivo. Máis vídeos na canle de YouTube.
Comezamos con PICAXE
@s alumn@s de 4ºA terán que deseñar e contrruír un dispositivo controlado a través de PICAXE como proxecto para esta avaliación. Antes, é necesario entender o funcionamento deste sistema de control e aprender a programalo. Hoxe fixemos a primeira práctica deseñando o circuíto para un semáforo e programando o seu funcionamento:
A luz vermella debía permanecer acendida 5 s, a continuación a luz amarela acenderíase 1 s e para rematar, a luz verde estaría 5 s acendida. Os catro grupos resolveron a práctica correctamente e todavía tivemos tempo para gravar os resultados. Déixovos aquí un dos catro vídeos que tomamos e os outros tres podedes velos na canle de YouTube.
Parabéns a tod@s!!!
Seino, a calidade do vídeo é malísima 😦
Pizarras de control e robótica
Facede clic aquí para descargar as pizarras de control e robótica.
Prácticas de robótica con Lego (I)
O luns comezaremos coas prácticas de robótica e farémolo programando un robot de Lego en lazo aberto. Unha práctica moi sinxela para iniciarnos no mundo da robótica. Déixovos aquí o guión.
Próximos exames…
Déixovos as datas dos próximos exames e a materia que entra en cada un deles:
- 2ºC: Exame de electricidade (unidade 2) o día 17 de Decembro (venres)
- 4ºA: Exame de electrónica dixital (unidade 2) o día 17 de Decembro (venres)
- 4ºD: Exame de forzas (unidade 3) o día 15 de Decembro (mércores)
Aproveito tamén para lembrarvos aos alumnos de 2ºC que a data límite para entregar o boletín de exercicios de electricidade é o 10 de Decembro e que pasado este día non o recollerei.
Photo credit: cohdra from morguefile.com
Un oso amoroso e un par Darlington
Algúns xoguetes como o da imaxe activan o seu dispositivo de saída (unha melodía, unha luz,…) cando o usuario toca dous puntos que fan que un circuíto eléctrico se peche.
Como funcionan? Nesta situación, o corpo do usuario forma parte do circuíto cunha determinada resistencia que en principio faría que a intensidade establecida fora insuficiente para activar o dispositivo de saída. Isto pode solucionarse cunha etapa de amplificación con transistor.
O transistor amplifica a intensidade que entra a través da súa base, proporcionando unha intensidade de colector que dependerá da intensidade de entrada e da ganancia do transistor.
Pode suceder que o transistor non sexa quen de proporcionar unha intensidade suficientemente alta para activar o dispositivo de saída, e nese caso será preciso amplificar aínda máis a intensidade que entra pola base.
Esta operación pode realizarse cun par Darlington, onde dous transistores se conectan como se indica na figura, de maneira que a ganancia do conxunto é o produto das ganancias de ambos.
No vídeo, os alumnos de 4ºA fixeron unha cadea colléndose das mans para pechar o circuíto, agarrando un deles o cable conectado ao polo positivo da pila e outro, o cable conectado á base do primeiro transistor.
Como resultado, o LED conectado no colector do segundo transistor acéndese cando a cadea está pechada e apágase no momento en que a cadea se abre nalgún punto, pois nesa situación temos un circuíto aberto. A configuración Darlington permite que a intensidade que circula polo LED sexa suficiente para acendelo a pesar da resistencia introducida pola inclusión de 13 persoas no circuíto!
Electrónica dixital
Nos próximos días deixarei unha copia da unidade 2 na fotocopiadora e tamén na aulateca, pero hoxe xa podedes descargala dende aquí.
Photo credit: Grafixar from morguefile.com
Boletín de repaso
Clic aquí para descargar o boletín de repaso de cara ao exame d0 día 3 de Decembro.


