ULPC: Un novo concepto

ultraportatil de HP
ULPC (ultra low-cost PC), minilaptop, subnotebook, ultraportátil, microportátil son algúns dos nomes cos que nos referimos a un novo tipo de ordenadores. Se todavía non existe unha denominación universalmente aceptada é porque este produto é de moi recente creación. Referímonos a equipos que teñen como características fundamentais un moi baixo precio e un moi pequeno tamaño. De forma máis detallada, falamos de portátiles coas seguintes características e prestacións:

  • Pantalla en torno a 8” (en calquer caso, menos de 12”)
  • Peso arredor de 1 kg
  • Conectividade WiFi
  • Ausencia de disco duro con partes móbiles (normalmente presentan memoria flash, que consume menos enerxía e por tanto fai que a batería dure máis e resulta máis silenciosa pois non precisa ventilador)
  • Sistema operativo Linux de serie aínda que normalmente soportan Windows (algúns destes equipos ofrecen a opción de compra con Windows pero isto aumenta o precio)
  • RAM de 512 MB como mínimo (xa hai equipos con 2 GB)
  • Webcam
  • Portos USB
  • Batería de non menos de 3h de duración
  • Precio en torno a 200-300 € (na súa versión máis básica)
A idea orixinal foi da organización OLPC (one laptop per child) que pretendía achegar as novas tecnoloxías a todos os nenos do mundo e especialmente a aqueles que vivían en países en vías de desenvolvento. Presentaron así o XO, un portátil que inicialmente se comercializou por 100 $ e que funcionaba incluso en lugares onde non existía subministro eléctrico.
ultraportatil XO

Nenos e non tan nenos de todo o mundo puxeron os ollos neste equipo que por primeira vez unía as prestacións e precio dun portátil normal ao tamaño dun notebook. Evidentemente, un equipo con pantalla de 7” non resulta cómodo para un traballo diario de varias horas de duración e iso sen falar dun teclado de reducidas dimensións no que cada dedo dun adulto “ocupa” máis dunha tecla 🙂 Con todo, resulta unha opción moi apetecible para aqueles que teñen que desprazarse cada día cargando cun equipo de máis de 2 kg de peso.

A empresa informática Asus, consciente do potencial destes portátiles como segundo equipo para usuarios que xa dispoñen dun ordenador de maiores prestacións, lanzou ao mercado o Eee PC, que neste pasado Nadal foi o regalo estrela en Estados Unidos e un dos obxectos máis buscados en lugares como Ebay.
ultraportatil de Asus

Á vista do éxito do Eee PC, outras firmas como HP ou a española Airis ultiman os detalles do lanzamento dos seus microportátiles dos que atoparedes información na seguinte ligazón.

ultraportatil de Airis

Actualización: no blog tecnoloxía da ESO podedes atopar máis información acerca dos ultraportátiles e tamén varias ligazóns interesantes.

Reutilizando o papel: fundas para CD/DVD

CD sobre un A4

Para que serve un A4 que está escrito polas dúas caras? Unha forma de reutilizar este papel é a que nos propoñen a través do blog ecomicrosiervos. Aquí tedes instrucións precisas para transformar ese anaco de papel nunha útil funda que evitará que os vosos DVDs se estropeen. Pensade que non só estades reutilizando papel, tamén evitades o uso de plásticos.

Problema complexo. Solución simple

Como facer que varias persoas teñan acceso a través dunha cerca utilizando cada unha delas unha chave distinta?

Esta é a cuestión que nos prantexan en microsiervos e que a pesar do que poda parecer, ten unha solución simple:

Empregaremos varios cadeados, cada un cunha chave diferente, dispoñéndoos tal e como se indica na imaxe.

cadeados unidos entre si pechando unha cadea

De cando non existía a asignatura de Tecnoloxía

portada do libro Como hacer juguetes que funcionan

A introdución da asignatura de Tecnoloxía no sistema educativo español é moi recente pero para os que sempre tivemos certas inquietudes, existían cando eu era pequena libros estupendos como os da serie Cómo hacer (todavía teño algún por casa 🙂

Dende a páxina para que no se olviden púxose en marcha un proxecto para preservar moitos daqueles libros que con toda seguridade xa hai anos que están descatalogados. Podedes botarlles un ollo…

Consellos ecolóxicos

logo da web ecomicrosiervos

O uso racional da tecnoloxía é un asunto moi importante no que todos temos moito que aprender. En ecomicrosiervos atoparedes case diariamente consellos para optimizar os recursos e poñer o noso gran de area no aforro de enerxía.

Onde está???

vista do ies de pastoriza

A aplicación PlaceSpotting é un xogo baseado en Google map na que cada usuario propón unha imaxe dun lugar real en calquera parte do mundo para ser localizado a partir dunha serie de pistas.

Teredes que movervos no mapa arrastrando e aplicando zoom ate dar co lugar preciso. Probade a solucionar algunha das propostas ou a crear unha nova. Cal é a da imaxe???

Grávoche unha cinta?

O de compartir a música cos amigos non é nada novo, os soportes que utilizamos, afortunadamente si. O post de hoxe ten un certo toque de nostalxia e seguramente arrincará un sorriso a todos os que medramos gravando a nosa música da radio en cintas coma a da imaxe. Permitídeme que vos conte un pouco como era aquilo antes de presentarvos esta aplicación pero podedes facer clic na imaxe para poñer música de fondo…

 

Así como agora todos tedes un mp3 os que nacimos nos anos 70 tiñamos, no mellor dos casos, un walkman para reproducir as cintas de audio. Este walkman tiña un motor alimentado con pilas que se encargaba de mover os cabezais de lectura. Algúns destes aparatos non regulaban ben a velocidade de lectura, de maneira que cando as pilas estaban novas, a música soaba a maior velocidade da que debera. Por outro lado, as pilas non se esgotaban de golpe, senón que o ían facendo pouco a pouco de maneira que a música soaba cada vez a menor velocidade. O efecto era coma se nas primeiras cancións cantaran os pitufos, os intérpretes orixinais nas cancións do medio, para rematar coa nena do Exorcista interpretando os últimos temas.

 

Naqueles anos as pilas eran salinas, que duraban moitísimo menos que as alcalinas das que hoxe dispoñemos, polo que todos nós optabamos por rebobinar as cintas a man empregando o casquillo dun boli bic. A diferencia dos mp3, non era posible acceder de forma instantánea a unha canción determinada, pero coa práctica acababas por saber a que altura da cinta estaba cada canción.

 

As cintas magnéticas eran en xeral moi robustas e soportaban ben as caídas e outros avatares como as moitísimas veces que as gravabamos e borrabamos, pero pobre do que esquecera unha dentro dun coche exposto ao sol porque normalmente aquilo non tiña remedio. Tamén sucedía que ás veces o aparato trillaba a cinta magnética chegando a rompela e entón había que botarlle imaxinación para recompoñer aquel pequeno desastre. As solucións máis habituais eran aplicar un pouquiño de verniz de uñas entre os dous anacos ou unilos con celo. No primeiro caso corrías o risco de que se soltara de novo e no segundo, cando o reproductor chegaba a ese punto, había que pasar a cinta a man, pois o motor non era capaz de arrastrala. En calquera caso, perdías, obviamente, a parte da canción onde os anacos se solapaban.

 

A pesar de todo isto, todos nós disfrutabamos moitísimo gravándonos cintas entre colegas que normalmente titulabamos con cousas como VARIOS 1985. É por iso que cando hoxe vin esta aplicación en What’s New non puiden resistir a tentación de escribir este post.

 

Mixwit é basicamente un reproductor de mp3 coa apariencia das cintas magnéticas de entón. Trátase de facer unha selección de música a partir de cancións dispoñibles na rede. Poderás escoller a carátula ou variar o estilo e unha vez finalices, xeraráse unha dirección que podes pasar aos amigos para compartir con eles a túa música ou incrustar o reproductor no teu blog como fixen eu. Podes rexistrarte se queres gardar as túas creacións e modificalas posteriormente, pero non é necesario.

E contaminación lumínica no mundo

contaminacion luminica no mundo

Seguro que logo de ver o mapa da contaminación lumínica na península non erades capaces de comezar as vacacións de Semana Santa sen saber como é a distribución no mundo, verdade? 🙂
Pois dádelle as gracias ao responsable de Astronomía na Beirarrúa que hoxe me deixou esta impresionante imaxe no meu buzón (facede clic na imaxe para vela máis grande). Trátase dunha foto real, composta a partir de moitas tomas individuais, que nos indica onde é máis difícil ver estrelas. Vedes algunha relación co nivel de desenvolvemento dos países?

Boas vacacións para todos vós!!!

Contaminación lumínica na península

contaminacion luminica na peninsula

Non é a primeira vez que falamos da contaminación lumínica neste blog e hoxe amosamos o mapa da contaminación lumínica na península ibérica que nos chega vía ecomicrosiervos. A pesar de estar elaborado en base a cálculos e non a observación directa, dá unha boa idea de cal é a realidade.

Sabede que nas zonas máis contaminadas, aquelas que no mapa aparecen en branco e vermello, só poderiamos distinguir un máximo de 150 estrelas nunha noite despexada, mentres que nas zonas menos contaminadas (azul escuro e negro no mapa) poderiamos superar as 3000 estrelas.

Deberiamos ser capaces de atopar o equilibrio entre unha iluminación urbana aceptable e un nivel de contaminación lumínica baixo. Que ideas se vos ocurren? Pensades que os farois que iluminan as rúas están ben deseñados?

Día Mundial da Eficiencia Enerxética

bombilla desenchufandose

Sabiades que o día 5 de Marzo é o Día Mundial da Eficiencia Enerxética? Acabo de lelo en ecomicrosiervos e tamén que se levarán a cabo iniciativas tan interesantes como o troco de lámpadas de incandescencia por lámpadas de baixo consumo (sabedes que porcentaxe do gasto eléctrico nun fogar é debido á iluminación?).

Temos que ser capaces de manter a nosa calidade de vida cun menor custo enerxético e iso pasa por un mellor aproveitamento dos recursos. O obxectivo: reducir a contaminación, prolongar a vida dos recursos e poñer o noso gran de area para frear o cambio climático.

Como exercicio, propóñovos que cada un de nós revise os seus hábitos e adique cinco minutos a pensar como pode consumir menos enerxía.

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos