Día da Ciencia en Galego

Hoxe é 4 de Novembro, Día da Ciencia en Galego!

Todos os que facemos garda de recreo no patio sabemos que moitos dos días vai tanto vento, que mesmo parece que nos levará a nós. Pero hoxe non se movía nada… nada salvo nós, alumnos e profesores, tentando facer voar os papaventos 🙂

As cousas non saíron como agardabamos pero igualmente foi unha xornada estupenda, como sucede moitas veces cando facemos Ciencia 🙂

Seguindo a idea proposta por María Loureiro dende tecnoloxia.org, fixemos unha recompilación de termos que empregamos diariamente no Ámbito Científico-Técnico e pegámolos por toda a aula… e tamén fóra!

Lúa, traxectoria, desenvolvemento sostible, forza, expoñente, movemento, números enteiros, estrela, ecoloxía, probabilidade, xenética, tempo,… son palabras útiles e fermosas.

Concurso de cabazas e relatos de terror

cabazas

Unha pequena mostra das cabazas que participan no concurso organizado por Julia e que estes días nos anuncian a chegada do Samaín nos corredores do instituto. Aproveito tamén para lembrarvos que os departamentos de Galego e Normalización organizan un concurso de relatos de terror. Animádevos e participade!

Boa fin de semana!

Tecnoloxía obsoleta

tecnoloxia obsoleta

Non creo que en todas as casas haxa unha caixa co nome “Tecnoloxía Obsoleta”. Na nosa, si. Aí imos gardando todos os aparellos que algún día foron útiles e hoxe están fóra de uso. É unha especie de colección.

Hai pouco, miña irmá puxo enriba dunha mesa tecnoloxía obsoleta anos 70-90 que todavía estaba na casa dos nosos pais: walkies-talkies (entón diciamos radiocomandos), pequenos videoxogos portátiles (chamados entón “maquinitas”), un magnetófono que só funcionaba a pilas, cámaras de fotos das de carrete,… e o meu favorito, o Pong!

Pong era un xogo electrónico deseñado para conectarse á tele a través de coaxial. Os mandos (que por suposto non eran inalámbricos) soamente tiñan unha roda que podías xirar en ambos sentidos para posicionar o teu xogador de tenis, fútbol ou frontón (pero que sempre tiña o mesmo aspecto de liña vertical). A consola funcionaba soamente a pilas e incorporaba diferentes cursores para seleccionar entre un e dous xogadores, a velocidade de xogo, a lonxitude da liña vertical e seguro que algún máis.

pong

Faltan na foto auténticas xoias da época como a videoconsola Atari ou o videoxogo portátil Galaxy2, que non parou de funcionar unhas vacacións de Nadal e que uns 30 anos despois, aínda funciona. Quedarán para outro día 🙂

Hoxe fomos ao teatro

tartufo pontedeume

Hoxe acudimos ao Centro Cívico de Arteixo para a representación de Tartufo a cargo dos alumnos e ex-alumnos do IES de Pontedeume. Pasámolo realmente ben e as interpretacións foron boísimas. Grazas por traernos a Moliere!!!

Xúpiter coa cámara do móbil

xupiterOnte tivemos unha noite preciosa cun ceo totalmente despexado, así que nos animamos a montar o telescopio e tentar obter unha foto de Xúpiter e os seus satélites.

Na imaxe podedes ver a Xúpiter e (de esquerda a dereita) Ganímedes, Europa e Ío.

Unha vez máis, a foto está sacada coa cámara dun teléfono móbil e aínda que non pasará á historia como o mellor logro en astrofotografía, é moi emocionante pensar que o mesmo que estades vendo vós agora, o viron os meus ollos onte.

Orión e os billetes falsos

Acabo de saber a través de amazings que os billetes non poden ser manipulados con aplicacións de tratamento de imaxe tipo Photoshop porque incorporan unha disposición de círculos que fai que sexan facilmente detectables como billetes.

Parece ser que esta disposición é moi semellante á constelación de Orión e está presente nos billetes de moitos países, como podedes ver na ligazón que deixaron nun dos comentarios á entrada. Curioso…

Non tiredes nada!!!

O cargador dun móbil vello é unha fonte de tensión, o pau dun chupa pódese utilizar para conectar unha engrenaxe co eixo dun motor, o taṕon dunha botella de leite pode ser unha boa roda e o vaso de vidro dun iogur pode empregarse para construír unha lámpada de incandescencia.

Para que os alumnos saiban que todo o material do taller se reutiliza, o último que facemos cando o curso está para rematar é desmontar os proxectos con eles para recuperar todos os compoñentes. Sempre gardamos proxecto algún para amosallelo aos alumnos dos cursos seguintes, pero a filosofía do taller de Tecno é reutilizar.compoñentes

Este curso pasado foi complicado no departamento e Xuño chegou “antes do que agardabamos” polo que non puidemos facer este exercicio cos alumnos.

Hoxe comecei a desmontar proxectos e este era o aspecto que tiña unha das mesas do taller nun momento. E podo asegurarvos que é só unha pequena parte! Ademais, logo de desmontar vén o de clasificar para poñer cada cousa no seu sitio.

Non pensedes que me queixo, pásoo xenial cun desaparafusador na man 🙂

Einstein suspendía Matemáticas???

einsteinÉ posible que Albert Einstein (para os que teñades dúbidas, é o da lingua 🙂 ) fora o primeiro científico cunha importante proxección mediática, o que fixo que ao redor da súa persoa xurdiran todo tipo de historias elevadas á categoría de lendas. Tamén é posible que ese carácter burlón e aspecto extravagante reforzaran moitas delas.

Cantos de nós escoitamos iso de que “tamén Einstein suspendía Matemáticas”. Teño que dicir que este dato en particular non é correcto. É un feito que as súas Matemáticas non estaban ao nivel da súa Física pero de aí a suspender…

Dous anos antes do que lle correspondería, presentouse ás probas de acceso para entrar no Instituto Politécnico de Zúrich e a pesar de non superalas (a nota de Francés, por exemplo, non era suficientemente einstein-kakuboa) os seus exames de Física e Matemáticas foron excepcionais. Tanto foi así que aseguraron o seu ingreso no seguinte curso e un dos seus futuros profesores ofreceulle que asistira como oínte ás súas clases.

Durante os seus estudios no Politécnico, Einstein non foi un alumno demasiado querido polos seus profesores, que advertían nel unha actitude desafiante nunhas ocasións e aparentemente pasiva en exceso noutras. Un deles chegou a dicirlle a Albert que era un caso perdido para a Física 🙂 .

Se queredes coñecer máis detalles da azarosa vida de Einstein e do seu impresionante legado, recoméndovos El Universo de Einstein, de Michio Kaku, que actualmente estou lendo.

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos