Nesta ocasión non tiven tan boa man, pero lembrade que todas estas fotos están sacadas coa cámara dun móbil a través duns prismáticos montados nun trípode. Astrofotografía lowcost!
O mapa da Ciencia
Un mapa de metro para representar a historia da Ciencia, a Razón e o Pensamento Crítico. Facede clic sobre ela para vela a maior tamaño.
Visto en dousceroeditora.
Enchufes que xiran
Estes novos enchufes permiten apagar os aparellos aos que van conectados cun simple xiro. Ademais, unha vez están xirados resulta máis fácil extraer o propio enchufe. O deseño tamén está moi ben e incorpora un LED que indica cando está activo.
Visto en desenchufados.
Contásme un conto?
Esta colección de dados contén nas súas caras diferentes imaxes. Lánzaos e trata de inventar unha historia con todas as palabras que che saian.
Pode ser un exercicio interesante para clase de lingua, un xogo divertido para as clases de titoría ou atención educativa, un reto para probar entre amigos e tamén unha boa axuda para cando os peques da casa piden un conto novo cada noite 🙂
Visto en nopuedocreer.
Maxia e neurociencia
Como fan os magos e ilusionistas para conseguir que vexamos o que eles queiran?
Por que as ras soamente poden ver as moscas cando se moven e nós podemos ver obxectos estáticos?
Hai pouco un dos habituais de amazings recomendaba un capitulo en particular do sempre interesante programa Redes dirixido e presentado por Eduard Punset e que vos recomendo que vexades.
Eduard Punset, a neurocientífica Susana Martínez-Conde (do Laboratorio de Neurociencia Visual do Instituto Neurolóxico Barrows, en Phoenix (Arizona)) e o mago Miguel Ángel Gea fálannos de como percibimos un sinxelo truco de maxia a nivel neuronal. Vou recompilar algunha da información que se ofrece na reportaxe pero a miña recomendación é que non vos perdades o vídeo.
- Atención endóxena: normalmente é voluntaria e consiste en orientar a nosa atención a procesos internos, tales como pensar se alguén leva o reloxo na man dereita ou esquerda.
- Atención esóxena: normalmente é involuntaria e adoita ser o resultado dun estímulo externo como por exemplo un ruído.
- Cegueira de cambio: podemos recibir un estímulo correctamente e con todo non percibir un cambio moi grande porque non se lle presta atención, e isto sucede porque outros estímulos máis potentes captan a nosa atención sensorial. Por exemplo un movemento amplo deixará nun segundo plano un movemento pequeno pero que debería ser observable noutras circunstancias.
- Cegueira por desatención: créase un foco de atencion que fai que o noso cerebro inhiba todo o demais. Non o credes? Botádelle un ollo ao vídeo do que falan durante o programa. Aquí tedes a ligazón.
- Distracción mental: trátase de estimular a atención endóxena incitando a que o espectador realice procesos internos. Os magos adoitan empregar este tipo de manobras conxuntamente coa atención esóxena, conseguindo que “deixemos de mirar” sen saber cando o fixemos.
- Atención conxunta: prestamos atención a sucesos aos que cremos que outras persoas prestan atención.
Temos que partir da base de que o cerebro non “ve” todo o que percibimos a través da retina e que por tanto non vai procesar conscientemente toda a información que lle chegue. Agora xa coñecedes moitos dos trucos dos que se valen magos e ilusionistas para sorprendernos e ademais coñecedes a explicación neuronal que hai detrás. Pero que teñen que ver as ras en todo isto?
Os humanos e os primates somos os únicos animais que podemos percibir o estático, é dicir, o que non se move. Como? A partir de movementos oculares de moi pequena amplitude que se realizan a razón de 60 oscilacións nun segundo. Son as chamadas microsacadas as que convirten en móbil o que está quieto. É por iso que unha mosca que non se move nunca será capturada por unha ra, pois ao non ser capaz de detectar o movemento, non a ve.
Cal é a finalidade das microsacadas? Que os estímulos cheguen de forma contínua ao cerebro, evitando así o que os neurólogos chaman a adaptación neuronal (as neuronas que non reciben estímulos pasan a estar inactivas).
Apaixoante, verdade? Isto só foi un pequeno resumo do que podedes atopar neste capítulo de Redes. En serio, non vos perdades o vídeo porque ademais aprenderedes algún que outro truco de maxia co que impresionar aos colegas e veredes como existen magos (pick pockets) que se adican a limpar os petos dos inxénuos colaboradores que se prestan a botar unha man durante o espectáculo.
Tomando medidas V: Benji e Oliver
Agora que o meu fillo maior é fan absoluto de Inazuma Eleven e non perde un capítulo, sempre me lembro de Campións. A pesar do que puidera parecer, estas series teñen moi pouco que ver co fútbol real.
E confirmando as miñas sospeitas, os de microsiervos sacaron unha entrada facendo unha estimación do que mediría o campo de fútbol que tantas veces percorreron Benji e Oliver. Nada menos que 18 km de lonxitude!!! Por iso estaban todo o tempo a suar…
Visto en microsiervos.
A feira do libro antigo e de ocasión
Unha das miñas citas obrigadas no verán desde hai moitos anos (polo menos desde que estudiaba no instituto) é a feira do libro antigo e de ocasión.
A feira do libro á que tampouco falto a principios de Agosto ten o encanto do novo, pero a do libro antigo é como abrir un sobre sorpresa.
Normalmente non é o lugar no que máis libros merco pero case sempre saio de alí polo menos cun exemplar, que en moitos casos é unha edición facsímil coma a deste ano: Diálogos sobre los Sistemas del Mundo (8€).
É case como voltar á libraría Vetusta, onde os libros simplemente se colocaban uns ao lado dos outros e podías atopar auténticas xoias a prezos sorprendentes… pero sen gato!
Chave multiuso
Por que me gustan tanto estas cousas? Miña irmá que me coñece ben, sempre me envía ligazóns deste tipo e aquí me tedes, falando dunha chave multiuso que gostaría de meter no meu chaveiro (actualmente está esgotada 🙂 ).
O trebello conta con 3 desaparafusadores de diferentes tamaños, unha lima de unllas e un dispositivo para limpalas, un abridor de botellas, un cortador de arame e parece ser que tamén unhas pinzas, aínda que non vexo a forma de empregala como pinzas no lugar que indica (tweezers). Contádeme se se vos ocurre a maneira!
Visto en lifehacker.





