A chuvia de estrelas das Perseidas

A interesantísima colaboración de hoxe é un luxo. Vén asinada por Salva Bará, profesor do departamento de Física Aplicada da USC e responsable da iniciativa Astronomía na beirarrúa (podedes seguilos en Facebook). Moitísimas grazas!!!

Se mirades o ceo estas noites seguramente veredes unha chea de estrelas fugaces (ou meteoros, que tamén se chaman así). É a chuvia de estrelas das Perseidas, ou “Bágoas de San Lourenzo”. As mellores noites son as do 12 e 13 de agosto. Non necesitas ningún aparello  especial para velas. Ponte roupa de abrigo, bótate nunha tumbona e desfruta vendo o ceo de verán.  E cando menos o esperes… zas! Algo  semellante a unha estrela aparece de súpeto, móvese rapidamente polo ceo e desaparece. Hai quen di que se pode pedir un desexo e que  seguramente se cumpre. Non todo o mundo cre niso, pero o que sí sabemos é que en realidade non son estrelas. Son pedriñas, chamadas  meteoroides, a maioría delas do tamaño dun grao de arroz ou de millo, que andan polo espazo e entran na atmósfera da Terra con velocidades incriblemente grandes: uns 60 quilómetros por segundo. Si, por segundo! Iso veñen sendo máis de 200.000 quilómetros por hora! Ao rozar co aire a tan grande velocidade os meteoroides quecen, póñense incandescentes e emiten luz: así se forma unha estrela fugaz.

perseidas

Vídeo das Perseidas (Nota da editora: agora mesmo hai problemas para incrustar vídeos de YouTube e tamén para facelo desde a biblioteca de medios en diferentes formatos, así que vos deixo unha ligazón).

A maioría delas desfanse pronto, despois de percorrer un anaco de ceo. Porén, hainas que brillan máis do normal e deixan no aire unha estela que permanece un tempo. E algunhas son dun tamaño máis grande, brillan moito, deixan unha grande estela e mesmo poden facer un son como de treboada: esas chámanse bólidos. Os anacos dun bólido poden chegar a caer ao chan: son os meteoritos,  pedras interesantísimas porque son minerais que veñen directamente do espazo exterior. Os meteoritos axúdannos a coñecer mellor como se formou o Sistema Solar, incluíndo a Terra e nós mesmos. Se atopas algún, avísanos!

Para saber máis:
http://www.spmn.uji.es/ESP/presentacion.html
http://www.spmn.uji.es/ESP/activ1.html

O da mazá ou o da lingua?

einsteinComentando nunha entrada do sempre interesante amazings, lembraba hai pouco unha conversa que escoitei hai uns anos entre dous alumnos, cando un lle preguntaba ao outro se Einstein era “o da mazá ou o da lingua”. Naquel momento botei as mans á cabeza e cun sorriso case involuntario pensei no pobre don Alberte recordado como “o da lingua”, aínda que logo de ter lido bastante (nunca suficiente) sobre el, creo que mesmo lle faría certa gracia. De feito, gústame ese punto de vista que sempre deixa espazo para un elaborado sentido do humor.

En Sobre a Teoría da Relatividade Especial e Xeral, Einstein refírese á súa obra no prólogo como “un libriño” e insiste en que en ningún momento perseguiu a “elegancia expositiva” porque opinaba igual que Boltzmann, quen dixera que “debería deixarse a elegancia para xastres e zapateiros”.

Pólvora e fogos artificiais

De acordo coa Historia e Cronoloxía da Ciencia e os Descubrimentos de Isaac Asimov, parece que os chineses inventaron a pólvora en torno ao ano 250. Entón, igual que agora, tiña diferentes usos entre os que por suposto se atopaba a pirotecnia.

fogos artificiais

Non é que eu sexa especialmente afeccionada aos fogos artificiais, pero esta ocasión é única cada ano. Todos os campistas baixamos á praia perto da medianoite e observamos coa boca aberta como as luces inundan o ceo deixando o seu reflexo no mar.

Vale, vale, xa sei que a foto está inclinada pero probade a sacar unha foto así cun móbil sostido na man, sen posibilidade de apoialo en ningures e con xente por todas partes 🙂

Xaponeses en Brasil e unha galega en Xapón

landmark towerNo ano 1999 o traballo levoume a Xapón algo máis dunha semana e ademais en moi boa compañía, pois fun cunha amiga que vivira alí dous anos á que creo que nunca lle agradecín bastante todo o que me moveu por Tokio, ensinándome eses sitios que soamente coñeces cando pasas algún tempo nalgún lugar así.

Desde a miña curta experiencia, podo dicir que os xaponeses son os perfectos anfitrións (algo impresionante) feito que choca coa falta de contacto físico que existe co visitante. Eu xa estaba avisada pola miña amiga Eva de que non debía estender a man durante unha presentación salvo que a outra persoa o fixera primeiro e que en ningún caso debía dar os tradicionais dous bicos que damos por aquí cando nos presentan a alguén. As presentacións ían acompañadas entón dalgunha reverencia e nalgunha ocasión, dun tímido apretón de mans.

Tiven ademais a oportunidade de coñecer a algúns dos seus amigos e quedei moi sorprendida cun chamado Rogerio. Rogerio era máis ou menos da miña idade e debía o seu nome aos seus avós, que residían en Brasil. Eu naquel momento descoñecía a existencia dunha numerosa poboación nipona en Brasil, debida a unha migración masiva sucedida nos comezos do século XX como resultado dun acordo entre ambos países (Xapón tiña un exceso de poboación e Brasil unha necesidade de man de obra). Rogerio visitaba con frecuencia aos seus avós e falaba moi ben portugués, polo que puidemos comunicarnos facilmente en portugués e galego botando man de vez en cando dalgunha palabra en inglés. Fíxome moita gracia a forma na que se sorría cando observaba algún comportamento "moi xaponés" e como movía a cabeza de lado a lado mentres o facía, pois os seus rasgos dicían unha cousa e os seus xestos outra. Era como ver a Obélix dicindo aquilo de "están tolos estes romanos" pero coa indumentaria de lexionario.

Podería contar mil anécdotas como que o hotel no que estiven aloxada non tiña planta número 4 porque é un número que trae mala sorte, ou que os xogos de louza van por deceas e non por ducias, que tiven a oportunidade de cear nun restaurante (onde todo estaba riquísimo) no que se pagaba por tempo e non polo que comías, que o metro de Tokio estaba sempre impecable a pesar de recibir diariamente a máis de 20 millóns de persoas,… pero permitide que remate esta entrada falando do Landmark Tower, situado en Yokohama. Este impresionante edificio contaba (e conta) con 70 pisos e un dos ascensores máis rápidos do mundo, capaz de alcanzar unha velocidade de 45 km/h. A vista que se desfruta desde a súa parte máis alta non se pode describir con palabras e eu tiven a grandísima sorte de que me tocara subir de noite.

A imaxe que acompaña este post é a entrada que me regalou Eva para subirmos xuntas un pouquiño máis perto do ceo. Moitas grazas por TODO, Eva!

E tamén quero un asento destes!

Hoxe saquei esta foto nunha tenda e logo quedei pensando, que sucederá se tres dos teus colegas ocupan simultaneamente os asentos Ctrl, Alt e Supr???

Actualización: onte publiquei esta entrada desde o móbil e creo que a imaxe quedara un pouco mal. Arranxado!

Astronomía de baixo custo

Aproveitade as fermosísimas noites de verán con ceos cheos de estrelas para practicar a astrofotografía. Non é necesario ter un telescopio, chega cuns prismáticos, un trípode, unha cámara de fotos dixital e algo de paciencia.

Na imaxe podedes ver unha foto que saquei  posicionando manualmente a cámara dun teléfono móbil no ocular duns prismáticos montados nun trípode.

lua

E se queredes saber como se fabrican uns prismáticos, botádelle un ollo ao vídeo que vén a continuación.

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos