Obxectos tecnolóxicos/obxectos non tecnolóxicos

Hai unha actividade que fago cada ano cos alumnos de 2º da ESO (que teñen por primeira vez Tecnoloxía). Antes de falar do que é a tecnoloxía, entrégolle a cada un unha tarxeta co nome dun obxecto de uso cotián. Cada un ten que decidir se o coloca na columna dos obxectos tecnolóxicos ou dos non tecnolóxicos e cando rematamos a clasificación eu indícolles o número de erros que hai en cada columna. Cada alumno entón ten a súa quenda para facer un cambio e eu vou dando sempre o número de erros. O xogo continúa ate que a clasificación é correcta e entón facemos análise do que teñen en común os obxectos da mesma columna.

Para eles é moi difícil identificar un lapis ou un anaco de cartón como obxectos tecnolóxicos porque sempre pensan en termos de obxectos complexos e normalmente eléctricos ou electrónicos. Ao final damos unha definición de Tecnoloxía en base a todas as ideas que xurden durante a discusión.

A parte máis divertida é sen dúbida na que teñen que facer cambios, porque na primeira volta todos están de acordo en que unhas gafas non son un obxecto tecnolóxico 🙂

Anímovos a probar nas vosas aulas!

O poder do cine como recurso didáctico

cine

Onte abriu o prazo para matricularse nos cursos do MEC e finalmente escollín O Cine, un Recurso Didáctico. Sendo realistas, as posibilidades de poñer unha película en clase de Tecnoloxía son moi reducidas, pois con sesións de 50 minutos, tería que empregar non menos de 3. Se dificilmente temos tempo para impartir todos os contidos que marca o currículo, imaxinade proxectando películas (outra cousa é poñer fragmentos).

Con todo, creo que pode ser un bo recurso para as horas de titoría ou de atención educativa, onde non poden ser impartidos contidos curriculares. O curso pasado, botei man do cine máis dunha vez no Ámbito Científico-Técnico, onde tiñamos nada menos que 9 horas semanais de clase e non existía a presión de cinguirnos a un currículo pechado. Teño que dicir tamén que hai un abismo entre o que os alumnos queren ver e o que eu desexaría poñerlles, pero estou segura de que ten que existir un punto intermedio e que incluso a película máis simple pode ser unha boa fonte de inspiración.

Durante o curso 2010-11 seguireino intentando!!!

Contásme un conto?

rorys_story-cubesEsta colección de dados contén nas súas caras diferentes imaxes. Lánzaos e trata de inventar unha historia con todas as palabras que che saian.

Pode ser un exercicio interesante para clase de lingua, un xogo divertido para as clases de titoría ou atención educativa, un reto para probar entre amigos e tamén unha boa axuda para cando os peques da casa piden un conto novo cada noite 🙂

Visto en nopuedocreer.

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos