Comezo das clases

De acordo co aviso que podedes ler na porta do instituto, as clases comezarán o luns día 20 de Setembro con horario normal de mañá e tarde. Vémonos!

Tomando medidas VIII: Unha cuartilla

Xa hai moito que a maioría de nós empregamos papel tamaño A4 no canto de folios, aínda que empreguemos a mesma palabra para referirnos a un e outro indistintamente. Da mesma forma que un A4 dividido á metade dá lugar a dous A5, cando facemos o mesmo cun folio obtemos dúas cuartillas. As dimensións da cuartilla son 15,75 cm × 21,75 cm, por se tedes curiosidade 🙂

A que vén falar hoxe de tamaños de papel? Onte estaba lendo un artigo en amazings no que se aseguraba que calquera descubrimento científico novo debería poder explicarse empregando só unha cuartilla. Non vos perdades o artigo completo e teredes a ocasión de ler a cuartilla de Einstein!

Cambio de dirección

A URL de Ciencia +Tecnoloxía acaba de mudar para http://teresaml.blogaliza.org (agardo que xa non haxa máis cambios neste sentido pola miña parte 🙂

Grazas a Pedro, administrador de Blogaliza, ao introducir a URL vella, seredes redirixidos á nova, pero imaxino que teredes que facer os cambios necesarios nos lectores de feeds.

Grazas e desculpade as molestias.

Xúpiter coa cámara do móbil

xupiterOnte tivemos unha noite preciosa cun ceo totalmente despexado, así que nos animamos a montar o telescopio e tentar obter unha foto de Xúpiter e os seus satélites.

Na imaxe podedes ver a Xúpiter e (de esquerda a dereita) Ganímedes, Europa e Ío.

Unha vez máis, a foto está sacada coa cámara dun teléfono móbil e aínda que non pasará á historia como o mellor logro en astrofotografía, é moi emocionante pensar que o mesmo que estades vendo vós agora, o viron os meus ollos onte.

Orión e os billetes falsos

Acabo de saber a través de amazings que os billetes non poden ser manipulados con aplicacións de tratamento de imaxe tipo Photoshop porque incorporan unha disposición de círculos que fai que sexan facilmente detectables como billetes.

Parece ser que esta disposición é moi semellante á constelación de Orión e está presente nos billetes de moitos países, como podedes ver na ligazón que deixaron nun dos comentarios á entrada. Curioso…

Sobrevoando Marte

Imaxinade que puidésedes sobrevoar Marte  a pouca distancia da súa superficie… Veriades algo moi semellante a este vídeo que acaba de enviarme o meu amigo Salva e que está xerado usando datos reais tomados pola cámara HIRISE a bordo do Mars Reconnaissance Orbiter. Impresionante, verdade?

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos