Viaxe no tempo

O tema das viaxes no tempo non é algo novo e tampouco o é a súa presencia no cine. O tempo nas súas mans, que foi a tradución dada á película do ano 1960 The Time Machine, é probablemente unha das máis representativas:

http://swf.tubechop.com/tubechop.swf?vurl=2aVS0XlcN04&start=0&end=205&cid=79966

Recentemente, a serie The Big Bang Theory homenaxeou esta película no capítulo 14 da primeira temporada “The Nerdvana Annihilation”. Encántame esta serie e aínda que levo rido moito con ela, creo que esta escena ten o récord 🙂 Non vos perdades a Sheldon e os seus colegas!

A retroalimentación e os Beatles

Desde o punto de vista da realimentación, os sistemas de control clasifícanse en sistemas en lazo aberto e en lazo pechado. Nos sistemas de control en lazo pechado, mostréase a saída para comparala cun sinal de referencia e facer as modificacións que permitan minimizar a diferencia entre ambas, de maneira que é posible facer un axuste progresivo do sinal de saída. Pero o fenómeno da realimentación, retroalimentación ou feedback non só está presente nos sistemas de control e non sempre ten resultados tan positivos.

Seguro que todos tivestes a ocasión de escoitar o desagradable chío que se produce ao achegar un micrófono a un altofalante ou a un amplificador. Sucede que o son recollido polo micrófono, e amplificado e emitido polo altofalante, é de novo recollido polo micrófono e amplificado e emitido polo altofalante, chegando así ao que denominamos acople.

De todas formas, o acople que se produce no caso das ondas sonoras tamén pode ser aproveitado para facer música. Mentres ninguén diga o contrario, parece ser que os Beatles foron os primeiros en empregar este efecto nunha canción e moitos os que decidiron incorporalo posteriormente. Corría o ano 1964 cando os catro de Liverpool estaban gravando I Feel Fine e descubriron accidentalmente este son ao apoiar unha guitarra no chan. Un gran comezo para unha gran canción que podedes ver no seguinte vídeo:

Carga o teu móbil sen cargador

A inexcusable falta de compatibilidade entre diferentes marcas de teléfonos móbiles, fai que cada vez que cambiamos de aparato sexa preciso renovar tamén o cargador. Esta situación pode cambiar con propostas tan interesantes coma o Duracell MyGrid, capaz de cargar ate catro dispositivos ao mesmo tempo sen necesidade de conexión cableada e válido para todo tipo de móbiles e gadgets en xeral. Haberá que probalo!

Duracell MyGrid

Aproveito para lembrarvos que o material de refugallo é sempre benvido no taller 1 de Pastoriza, onde temos unha boa colección de cargadores de móbiles doados polos alumnos, que re-utilizamos como fontes de tensión.

Visto en Ya está el listo que todo lo sabe

O meu primeiro ordenador

No mes de Abril Jorge Gómez, profesor de tecnoloxía en Compostela, publicaba no seu blog unha entrada onde nos relataba as características do seu primeiro ordenador, un Commodore 64. Lembro que cando o lin entón pensei en realizar o mesmo exercicio de nostalxia…

A principios dos anos 80 o ordenador doméstico máis vendido era o Spectrum, e por tanto tamén o que ofrecía máis posibilidades á hora de conseguir e intercambiar xogos. Meus irmáns e eu nos puxeramos de acordo para pedilo por Reis ate que coñecimos os MSX, un estándar que aseguraba a compatibilidade mesmo entre ordenadores de diferentes marcas. Así foi como escollimos o Hit Bit de Sony.

hit bit sony

Mercámolo nunha tenda distribuidora de Sony que xa non existe e custou arredor de 60000 pesetas (uns 360 €) que era moito diñeiro naquel momento. Cando chegabas a casa e abrías a caixa, o único que atopabas era o que podedes ver na imaxe: un teclado con dúas fendas de entrada para cartuchos de memoria e 16 KB de memoria RAM. Xa vedes, nin rato nin monitor, había que conectalo ao televisor cun cable coaxial.

Algúns modelos doutras marcas incorporaban un reprodutor de cintas magnéticas que permitía cargar información no equipo e tamén gardala, pois non había nada parecido a un disco duro.  O Hit Bit, non pero sempre podías conectarlle un radiocasete  mono que tiveras por casa.

Desde a perspectiva actual os xogos resultan moi simples, pero naqueles tempos nos parecían absolutamente xeniais.  Tiñamos tres posibilidades para conseguilos:

  1. Mercar un cartucho que podías cambiar sempre que quixeras por calquera dos que había dispoñibles na tenda onde adquirimos o ordenador.
  2. Gravar xogos nunha cinta e cargalos no ordenador coa axuda dun radiocasete e un pouco de paciencia (tardaban varios minutos).
  3. Mercar unha revista especializada e teclear por turnos as interminables liñas de código (sempre cruzabamos os dedos para que o ordenador non se apagara sen ter gravado antes nunha casete). Así foi como conseguimos, por exemplo, unha versión moi básica do Arkanoid.

O noso xogo favorito era o Athletic Land. Tamén estaban o Hero, o Nemesis ou o Penguin Adventure, pero o Athletic Land foi o que máis tempo tivemos na casa antes de cambialo finalmente na tenda.

Se queredes probar este xogo e outros, podedes botarlle un ollo a JuegoTK, que ofrece a posibilidade de xogar online. Eu xa estiven recordando tempos…

Cal foi o voso primeiro ordenador???

Os últimos vídeos deste curso

E xa por fin os últimos vídeos deste curso, os que corresponden aos proxectos de 3ºA. O que podedes ver debaixo destas liñas é o temporizador do grupo verde, deseñado e construído en pouco máis de dúas sesións porque o deseño inicial non funcionou como estaba previsto. Xa sabedes que na canle de youtube podedes atopar este vídeo e moitos máis de 3ºA, 3ºBC, 2ºC e 2ºD.

Algúns destes proxectos serán gardados para a exposición permanente que temos no taller 1 pero a maioría serán desmontados para reciclar o material o curso que vén. Se estades interesados en quedar co voso proxecto, buscádeme o día da entrega de notas para collelo no taller.

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos