Control de proporcionalidade e porcentaxes

O martes día 19 de Outrubro teremos o segundo control da unidade 2. A materia que tedes que repasar é:

  • Proporcionalidade directa e inversa
  • Regra de tres simple e inversa
  • Porcentaxes

Traede calculadora para o exame e as vosas dúbidas ás clases de repaso do xoves e do luns.

Tecnoloxía obsoleta

tecnoloxia obsoleta

Non creo que en todas as casas haxa unha caixa co nome “Tecnoloxía Obsoleta”. Na nosa, si. Aí imos gardando todos os aparellos que algún día foron útiles e hoxe están fóra de uso. É unha especie de colección.

Hai pouco, miña irmá puxo enriba dunha mesa tecnoloxía obsoleta anos 70-90 que todavía estaba na casa dos nosos pais: walkies-talkies (entón diciamos radiocomandos), pequenos videoxogos portátiles (chamados entón “maquinitas”), un magnetófono que só funcionaba a pilas, cámaras de fotos das de carrete,… e o meu favorito, o Pong!

Pong era un xogo electrónico deseñado para conectarse á tele a través de coaxial. Os mandos (que por suposto non eran inalámbricos) soamente tiñan unha roda que podías xirar en ambos sentidos para posicionar o teu xogador de tenis, fútbol ou frontón (pero que sempre tiña o mesmo aspecto de liña vertical). A consola funcionaba soamente a pilas e incorporaba diferentes cursores para seleccionar entre un e dous xogadores, a velocidade de xogo, a lonxitude da liña vertical e seguro que algún máis.

pong

Faltan na foto auténticas xoias da época como a videoconsola Atari ou o videoxogo portátil Galaxy2, que non parou de funcionar unhas vacacións de Nadal e que uns 30 anos despois, aínda funciona. Quedarán para outro día 🙂

Descargar material de clase

Tal e como falamos ao comezo de curso, tedes tres opcións para facervos co material co que vaiamos traballando (presentacíóns, boletíns de exercicios,… ):

  • A través do blog: facendo clic na categoría correspondente ao voso curso aparecerán todos os materiais publicados. Accesible dentro e fóra do instituto.
  • A través da aulateca: na carpeta TECNOLOXIAcurso 2010-11teresa atoparedes unha carpeta para cada curso pero soamente poderedes acceder se estades no contorno do instituto. Esta rede non é accesible desde casa.
  • A través de fotocopias: en conserxería hai unha carpeta azul co meu nome onde tamén figuran os cursos 2ºC e 4ºA. Dentro dela deixarei o material por se preferides fotocopialo no canto de descargalo ou imprimilo.

E por suposto, pedídeme axuda se necesitades algún material que non atopades.

Un xogo para a fin de semana

Tedes unha estrela que podedes mover e a gravedade fai que os planetas describan órbitas arredor dela. Onde tedes que situala? Os planetas non poden saír de pantalla, non poden chocar entre eles e tampouco coa vosa estrela. Por suposto, tamén interaccionan entre eles 🙂

orbitrunnerVía microsiervos.

Atrevédesvos co Orbitrunner? Facede clic aquí para xogar.

O proceso tecnolóxico: táboa de snowboard

Hoxe estivemos vendo un vídeo sobre o proceso que se segue para fabricar unha táboa de snowboard. Este e outros vídeos podedes atopalos facendo clic aquí. E aproveito tamén para colgar o cuestionario co que estivemos traballando a continuación.


Photo credit: lightbox from morguefile.com

O plan de traballo desenvolveuse nunha sesión:

  1. Os alumnos ven o vídeo do proceso de fabricación
  2. Entrego un cuestionario a cada grupo para que lean as preguntas e distribúan a recollida de información para dar resposta a todas as preguntas do cuestionario.
  3. Os alumnos ven o vídeo por segunda vez tomando notas nos seus cadernos.
  4. Coa información recollida cada grupo responde as preguntas do cuestionario.

Xogos de lóxica

A competición entre os grupos 1 e 2 estivo realmente axustada pero os gañadores, aínda que só por medio exercicio, son os compoñentes do grupo 2. Parabéns para tod@s!

Hoxe fomos ao teatro

tartufo pontedeume

Hoxe acudimos ao Centro Cívico de Arteixo para a representación de Tartufo a cargo dos alumnos e ex-alumnos do IES de Pontedeume. Pasámolo realmente ben e as interpretacións foron boísimas. Grazas por traernos a Moliere!!!

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos