Día do Blog

Parece ser que desde hai cinco anos o 31 de Agosto é o Día do Blog (e eu sen sabelo!) así que creo que todavía chego a tempo para desexarvos feliz día!

Enchufes que xiran

enchufes

Estes novos enchufes permiten apagar os aparellos aos que van conectados cun simple xiro. Ademais, unha vez están xirados resulta máis fácil extraer o propio enchufe. O deseño tamén está moi ben e incorpora un LED que indica cando está activo.

Visto en desenchufados.

PICAXE: primeiras probas en vídeo

Este curso creo que vou ter docencia en 4º e por primeira vez traballarei con PICAXE. Ate agora sempre fixera control programado a través do porto paralelo dun ordenador, activando e desactivando pines directamente, o que nos permitía o control de dispositivos.

Así construímos un autobús cabledirixido ou un sistema de semáforos, pero cada vez hai menos ordenadores con porto paralelo e tamén con W98, que é o que se precisa para poder controlar o porto con MSWLogo sen ter que parchear.

PICAXE ten moitísimas vantaxes e unha delas é o baixo custo, polo que partindo de cero, mercamos un kit para facer as primeiras probas na casa. Acabo de subir á canle de YouTube unha delas na que se controla a frecuencia de emisión dun altofalante (dun xoguete caseiro que pasou a mellor vida) cun divisor de tensión constituído por LDR.

Ver  vídeo.

Exames de Setembro

importanteQue rápido pasou o verán! O tempo foi inmellorable e seguro que aproveitastes para facer unha chea de cousas… pero todo o bon remata e hoxe xa é día 30 de Agosto, o que quere dicir que pronto nos veremos por Pastoriza.

Seguro que todos vós tedes o calendario de exames en papel, pero tamén podedes consultar a data, hora e lugar dos exames de Tecnoloxía e Informática no Taboleiro de anuncios deste blog.

Contásme un conto?

rorys_story-cubesEsta colección de dados contén nas súas caras diferentes imaxes. Lánzaos e trata de inventar unha historia con todas as palabras que che saian.

Pode ser un exercicio interesante para clase de lingua, un xogo divertido para as clases de titoría ou atención educativa, un reto para probar entre amigos e tamén unha boa axuda para cando os peques da casa piden un conto novo cada noite 🙂

Visto en nopuedocreer.

Maxia e neurociencia

Como fan os magos e ilusionistas para conseguir que vexamos o que eles queiran?

Por que as ras soamente poden ver as moscas cando se moven e nós podemos ver obxectos estáticos?

Hai pouco un dos habituais de amazings recomendaba un capitulo en particular do sempre interesante programa Redes dirixido e presentado por Eduard Punset e que vos recomendo que vexades.

Eduard Punset, a neurocientífica Susana Martínez-Conde (do Laboratorio de Neurociencia Visual do Instituto Neurolóxico Barrows, en Phoenix (Arizona)) e o mago Miguel Ángel Gea fálannos de como percibimos un sinxelo truco de maxia a nivel neuronal. Vou recompilar algunha da información que se ofrece na reportaxe pero a miña recomendación é que non vos perdades o vídeo.

tophat0006

  • Atención endóxena: normalmente é voluntaria e consiste en orientar a nosa atención a procesos internos, tales como pensar se alguén leva o reloxo na man dereita ou esquerda.
  • Atención esóxena: normalmente é involuntaria e adoita ser o resultado dun estímulo externo como por exemplo un ruído.
  • Cegueira de cambio: podemos recibir un estímulo correctamente e con todo non percibir un cambio moi grande porque non se lle presta atención, e isto sucede porque outros estímulos máis potentes captan a nosa atención sensorial. Por exemplo un movemento amplo deixará nun segundo plano un movemento pequeno pero que debería ser observable noutras circunstancias.
  • Cegueira por desatención: créase un foco de atencion que fai que o noso cerebro inhiba todo o demais. Non o credes? Botádelle un ollo ao vídeo do que falan durante o programa. Aquí tedes a ligazón.
  • Distracción mental: trátase de estimular a atención endóxena incitando a que o espectador realice procesos internos. Os magos adoitan empregar este tipo de manobras conxuntamente coa atención esóxena, conseguindo que “deixemos de mirar” sen saber cando o fixemos.
  • Atención conxunta: prestamos atención a sucesos aos que cremos que outras persoas prestan atención.

Temos que partir da base de que o cerebro non “ve” todo o que percibimos a través da retina e que por tanto non vai procesar conscientemente toda a información que lle chegue. Agora xa coñecedes moitos dos trucos dos que se valen magos e ilusionistas para sorprendernos e ademais coñecedes a explicación neuronal que hai detrás. Pero que teñen que ver as ras en todo isto?

Os humanos e os primates somos os únicos animais que podemos percibir o estático, é dicir, o que non se move. Como? A partir de movementos oculares de moi pequena amplitude que se realizan a razón de 60 oscilacións nun segundo. Son as chamadas microsacadas as que convirten en móbil o que está quieto. É por iso que unha mosca que non se move nunca será capturada por unha ra, pois ao non ser capaz de detectar o movemento, non a ve.

Cal é a finalidade das microsacadas? Que os estímulos cheguen de forma contínua ao cerebro, evitando así o que os neurólogos chaman a adaptación neuronal (as neuronas que non reciben estímulos pasan a estar inactivas).

Apaixoante, verdade? Isto só foi un pequeno resumo do que podedes atopar neste capítulo de Redes. En serio, non vos perdades o vídeo porque ademais aprenderedes algún que outro truco de maxia co que impresionar aos colegas e veredes como existen magos (pick pockets) que se adican a limpar os petos dos inxénuos colaboradores que se prestan a botar unha man durante o espectáculo.

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos